martes, 9 de junio de 2026

A Xunta acorda a aprobación provisional do proxecto de trazado para o acondicionamento da estrada OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo, que suporá un investimento de case 15,6 M€.

 

O Consello da Xunta acordou onte a aprobación provisional, para a súa próxima información pública, do proxecto de trazado para o acondicionamento da estrada OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo, que suporá un investimento de case 15,6 M€.


Antecedentes

A estrada OU-533 ten unha lonxitude total de algo máis de 50 quilómetros e unha orientación sur - norte, unindo a autovía A-52 e a estrada N-525 ao sur (A Gudiña) coas estradas N-120 e OU-536 ao norte (A Rúa), estando situada, ao comezo da OU-533, a nova estación do AVE na Gudiña (Estación “Porta de Galicia”).

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia galega de infraestruturas, elaborou un estudo previo realizado nesta estrada, en que se propoñía o acondicionamento da OU-533 ata conseguir uns parámetros de trazado homoxéneos, mellorando os actuais e permitindo unha condución cómoda e segura.

A actuación

Deste xeito, o treito obxecto do proxecto de acondicionamento desta vía autonómica, segundo o acordado polo Goberno galego, correspóndese co treito prioritario determinado no estudo previo, e que se corresponde co tramo da OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo. O obxectivo é actuar nesta zona, algo mais de 15 quilómetros de lonxitude, entres os puntos quilométricos 1+000 e 16+700, en que practicamente non se poden realizar adiantamentos.

Para  acadar este obxectivo no proxecto provisional aprobado, o departamento de Infraestruturas da Xunta proponse executar unha actuación integral de acondicionamento na OU-533, neste treito comprendido entre A Gudiña e Viana do Bolo, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, incrementar a capacidade e facilitar os adiantamentos nesta vía e de importancia estratéxica para o sur da provincia de Ourense. Así, deséñase un novo trazado sobre a base da estrada actual, realizando a mellora de interseccións, e habilitando carrís adicionais de adiantamento.

Coas actuacións propostas auméntanse os tramos con terceiros carrís de adiantamento, pasando dunha lonxitude actual total de 760 metros en sentido crecente (sentido A Rúa) e 600 metros en sentido decrecente (sentido A Gudiña), a unha lonxitude futura de 2.600 metros en sentido crecente e 4.460 metros en sentido decrecente.

O proxecto tamén prevé melloras de trazado, buscando o incremento das visibilidades existentes para reforzar a seguridade viaria, destacando a variante de trazado entre os puntos quilométricos 5+000 e 7+100, que permite a eliminación de varias curvas de raios reducidos, o que  tamén permitirá reducir a distancia de percorrido en algo máis de 700 metros deste treito de estrada.

En canto á seguridade viaria, mellórase a seguridade de 8 interseccións en que se proxecta a disposición de novos carrís centrais de espera. Ademais, configúrase en 7 dos casos a intersección para que se poida realizar un cambio de sentido con seguridade. Tamén se acondicionarán outras 17 interseccións de camiños secundarios mediante o ensanchamento dos seus accesos.

Ademais, prevese a extensión dunha nova capa de rodaxe en toda a plataforma da estrada (calzada + beiravías), renovando por completo o pavimento do tramo de proxecto. Finalmente, reporase a sinalización, o balizamento e as defensas, adecuándoas ás novas solucións expostas.

Pasos seguintes

O proxecto someterase a información pública nos vindeiros días, para os efectos da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, e para efectos expropiatorios, por un prazo de 1 mes. Nesta intervención é necesario a expropiación de 189  predios, das cales 12 pertencen ao concello da Gudiña e 177 a Viana do Bolo.

O obxectivo da Xunta é poder aprobar de xeito definitivo o proxecto de trazado no último trimestre deste ano para, posteriormente, licitar a redacción do proxecto construtivo.