Mostrando entradas con la etiqueta Lingua. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lingua. Mostrar todas las entradas

jueves, 24 de septiembre de 2026

PPdeG e  PSdeG asinan un acordo histórico para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e lograr un amplísimo consenso en política lingüística

 


Coñecemos hoxe o acordo acadado entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un pacto que o portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos cualificou de “fito histórico” para o Parlamento, para a política galega e, especialmente, para o conxunto da sociedade.

Pazos salientou que “en Galicia, a lingua nunca foi motivo de confrontación” e lembrou que o proceso para actualizar o Plan Xeral partiu dunha proposta elaborada tras un amplo proceso de participación social. O documento foi trasladado aos grupos parlamentarios o pasado mes de xullo, despois dun traballo que contou con 11 comisións de traballo, máis de 130 expertos, máis de 400 contactos con particulares, entidades e institucións e máis de 1.400 achegas recollidas e analizadas.

Segundo explicou o portavoz popular, este proceso trasladou á Cámara “un mandato claro do conxunto da sociedade galega”: converter a sintonía social existente arredor da lingua nun gran pacto político.

UN ACORDO BASEADO NO DIÁLOGO E NO CONSENSO

Alberto Pazos destacou que o Grupo Popular asumiu desde o primeiro momento esa encomenda apostando “polo diálogo, o consenso e a vontade de escoita” co resto das formacións políticas.

Neste sentido, puxo en valor o traballo desenvolvido durante as últimas semanas co Grupo Socialista e con Democracia Ourensana, a través de diversas xuntanzas nas que se procuraron puntos de encontro ata facer posible o acordo asinado hoxe.

A sinatura tivo lugar na Sala Rosalía do Parlamento de Galicia, un espazo que, segundo Pazos, simboliza o espírito do pacto. “Non hai mellor lugar nin mellor simbolismo para asinar este acordo que o espazo que leva o nome da muller que mellor representa a dignidade do noso idioma”, afirmou. Desde a Cámara galega, o portavoz popular quixo trasladar unha mensaxe de unidade: “O galego é o fogar común que nos une”.

UN TEXTO ENRIQUECIDO CON MEDIDAS CONCRETAS

O acordo asinado supón o refrendo dunha ampla maioría parlamentaria ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e incorpora seis modificacións sobre as preto de 700 medidas contempladas no Plan Xeral, así como oito acordos complementarios que pretenden adaptar a folla de ruta da lingua galega á realidade social e tecnolóxica dos próximos anos.

No ámbito educativo, un dos principais acordos permitirá introducir axustes no decreto do plurilingüísimo para posibilitar que as materias científicas tamén poidan impartirse en galego, mantendo sempre o equilibrio lingüístico entre as dúas linguas oficiais e, no caso dos centros plurilingües, entre as tres linguas correspondentes.

Deste xeito, serán os propios centros, dentro do seu proxecto lingüístico, os que poderán decidir voluntariamente que lingua empregar nos diferentes bloques de materias. Por exemplo, en Primaria poderán manter a distribución actual entre Ciencias Sociais e Naturais e Matemáticas ou intercambiar as linguas empregadas en cada bloque.

O obxectivo, explicou Pazos, non é establecer unha distribución prefixada, senón garantir o equilibrio lingüístico entre as linguas. Estes cambios serán incorporados, co consenso dos grupos, á próxima Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2027 e, unha vez completados os trámites necesarios, poderán aplicarse a partir do curso 2028/2029.

No ámbito da transparencia, o acordo establece tamén a celebración dunha comparecencia anual no Parlamento de Galicia para facer seguimento e avaliar o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

MÁIS APOIO Á CULTURA, Á TECNOLOXÍA E AOS MEDIOS

O pacto contempla igualmente novas actuacións no eido cultural e tecnolóxico. Entre elas figura a solicitude de ampliación dos contidos en galego en RTVE Play, así como novas medidas de apoio ás industrias editorial e audiovisual e un novo plan de fomento da lectura.

Tamén se aposta por avanzar no desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en galego e no impulso da Lei Paz Andrade, ademais de promover un maior uso do idioma nos medios de comunicación.

Todas estas actuacións estarán acompañadas dun incremento de 1,5 millóns de euros no orzamento destinado á lingua galega.

“A ESTABILIDADE DE GALICIA CONSTRÚESE DESDE A MODERACIÓN E O ENTENDEMENTO”

Para o portavoz do Grupo Popular, o conxunto destas medidas, que deberán activarse antes de que remate 2027, representa unha mostra de que “cando hai vontade e un propósito de país, somos quen de traballar por riba de intereses partidistas polo futuro de Galicia, dos galegos e da nosa lingua”.

Pazos agradeceu publicamente a “altura de miras” demostrada polo Grupo Socialista durante as últimas semanas e destacou que a sinatura do acordo evidencia que “a estabilidade de Galicia constrúese desde a moderación e o entendemento”.

O portavoz popular recoñeceu expresamente o traballo dos representantes do Grupo Parlamentario Popular, Carmen Pomar e José Luis Ferro, así como o de Longueira e Bouza, pola súa contribución ao achegamento de posicións durante o proceso de negociación, así como a contribución e o compromiso para acadar este acordo do secretario xeral da Lingua, Valentín García e do máximo responsable da área de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López. Tamén agradeceu a disposición do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, para traballar en beneficio da lingua galega.

Do mesmo xeito, Pazos tivo palabras de agradecemento para Democracia Ourensana, pola súa “disposición desde o primeiro minuto” e pola súa “vontade construtiva” ao longo de todo o proceso, e confirmou o apoio da formación ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

FOLLA DE RUTA PARA A PRÓXIMA DÉCADA

O portavoz popular lamentou que o acordo non puidese ser unánime como o acadado no Plan anterior, ao non contar co apoio de todas as formacións parlamentarias. Con todo, subliñou que o resultado é “un texto fortalecido” e un acordo transversal que “recolle a sensibilidade dunha ampla maioría”.

“Afortunadamente hai un entendemento histórico de tres partes que lamentablemente non foi unánime pola negativa de quen decidiu auto excluírse, un grupo político que preferiu darlle as costas a un mandato social evidente e dicirlle non á concordia que a rúa pedía coa máxima naturalidade” indicou o deputado popular.

Pazos destacou que o documento mantén intacto o “corazón da proposta inicial” e consolida unha folla de ruta para a próxima década, con preto de 700 medidas centradas especialmente nos ámbitos nos que se considera necesario reforzar a transmisión da lingua: as novas xeracións, as persoas nacidas fóra de Galicia e aquelas que non contan con transmisión familiar do galego, así como os novos modelos de comunicación dixital e tecnolóxica.

“Dous meses despois de iniciar este camiño, podemos dicir con orgullo que fixemos posible o que Galicia nos pedía”, afirmou.

Finalmente, Alberto Pazos asegurou que Galicia contará cun Plan Xeral de Normalización Lingüística actualizado, adaptado á realidade social do país e respaldado por un amplísimo consenso político, cunha folla de ruta destinada a afrontar con garantías a transmisión da lingua ás novas xeracións.

“Temos que asegurar, como dicía Álvaro Cunqueiro, mil primaveras máis para a lingua galega”, concluíu.

 

domingo, 17 de mayo de 2026

No día das Letras Galegas que homenaxean a Begoña Caamaño escritora e xornalista

 



Hoxe celebramos o día das Letras Galegas no que se conmemorará a figura e a obra da escritora, xornalista e activista Begoña Caamaño, nada en Vigo en 1964.

Escribe Henrique Monteagudo, Presidente da Real Academia Galega que Caamaño "revelouse como narradora tardiamente, aos seus corenta e cinco anos, cunha novela, Circe ou o pracer do azul (2009), que abraiou o público e a crítica pola súa coruscante orixinalidade, a súa cativadora escrita e a súa sobranceira calidade literaria. Ata entón, a autora era recoñecida pola súa intensa carreira profesional como xornalista, especialmente nos medios radiofónicos e singularmente na Radio Galega, onde desenvolveu o seu labor desde 1989. Cidadá comprometida, o seu perfil viñera definido pola militancia sindical e a implicación no movemento feminista. Involucrada en diversas mobilizacións sociais, salientaba pola súa denuncia da manipulación informativa nos medios públicos.

A publicación de Circe ou o pracer do azul constituíu unha magnífica sorpresa, que se viu dobrada cando pouco máis tarde veu a lume a súa segunda novela, Morgana en Esmelle (2012). Se na primeira recrea desde a perspectiva de dúas mulleres —a maga Circe e a esposa de Ulises, Penélope— unha lenda transmitida pola Odisea, na segunda outorga o protagonismo á fada Morgana, personaxe do imaxinario céltico cun papel relevante na saga artúrica. Engaiolándonos con relatos tecidos nunha prosa tersa, intensa e delicada, a autora apréndenos a remirar as dúas historias cunha ollada feminina.

Escritora tardía, mais —talvez por iso— extraordinariamente madura xa na súa obra prima, o seu pasamento prematuro en 2014 tronzou unha carreira literaria fulgurante. A Real Academia Galega, ao dedicarlle o Día das Letras Galegas, réndelle un tributo debido e oportuno, que contribuirá á merecida difusión popular da súa exemplar traxectoria como periodista defensora da información veraz —en tempos en que a comunicación social está intoxicada pola divulgación de loias que espallan o odio, a intolerancia e a confusión— e da súa soberbia achega á literatura galega, pondo o foco na fundamental achega feminina ao seu pulo. 

A voz e a luz de Begoña Caamaño tinxirán de azul o Día das Letras Galegas 2026".

Para o PP de G  “o galego é patrimonio de todos e así debe seguir sendo”.

 A Comisión de Cultura do PPdeG reuniuse o venres para celebrar as Letras Galegas dedicadas a Begoña Caamaño, no parque que leva o seu nome no barrio de Fontiñas de Santiago de Compostela. Os participantes fixeron fincapé na importancia da lingua galega como motor de “unión e cohesión da sociedade” e non “motivo de tensión e división”. Para os populares, “o galego é patrimonio de todos e así debe seguir sendo”.

A coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, e o secretario da Comisión de Cultura do partido, Valentín García, participaron neste acto de conmemoración do Día das Letras Galegas 2026, onde puxeron en valor o papel de Caamaño no xornalismo e na lingua galega, destacando que foi locutora de radio, redactora de noticias, opinadora, analista de información e novelista.

María Baleato, recoñeceu que a autora foi unha persoa “comprometida coa época que lle tocou vivir e coas loitas sociais”, como o feminismo e a defensa da propia lingua. Tamén no acto, Valentín García, fixo un percorrido polo xornalismo e as novelas da autora e referiuse a Caamaño como unha autora que non se conformou coa ausencia das mulleres na literatura, senón que as situou no centro do relato, recuperando tamén figuras mitolóxicas dos clásicos.


sábado, 21 de junio de 2025

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño


Onte coñecemos que a Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014). Así o decidiu a institución no pleno ordinario celebrado no pazo municipal de María Pita (A Coruña), unha sesión na que tamén se valoraron as candidaturas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose.
 

A RAG celebrará a narradora, autora serodia de dúas novelas nas que reescribiu os mitos da Odisea e o artúrico, e mais a xornalista, nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego. 

https://academia.gal/-/a-real-academia-galega-dedicaralle-o-d-c3-ada-das-letras-galegas-2026-a-bego-c3-b1a-caama-c3-b1o



sábado, 17 de mayo de 2025

17 de maio: Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre


A Real Academia Galega acordou dedicar o 17 de maio, Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). 

É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre. 

Así presenta este día a RAG:

https://academia.gal/letras-galegas/2025/cantareiras/presentacion




Día das Letras Galegas: O PP de Ourense homenaxea ás cantareiras que custodiaron “o gran tesouro inmaterial que nos une: as nosas Letras Galegas”


O Partido Popular de Ourense 
celebrou onte, nos Xardíns Padre Feijóo da cidade, un acto para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado ás cantareiras e á poesía oral popular. En consonancia coa dedicatoria, o acto incluíua actuación dun grupo de cantareiras, que interpretaron pezas da tradición oral galega.

No acto, o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, lembrou que as cantareiras son herdeirasdas “Cantigas de Amigo” medievais. A lingua galega viviu anos de represión, onde o idioma quedourelegado únicamente ao aspecto oral, e pese a isto, aínda forman parte da nosa identidade. “As Cantareiras custodiaron e protexeron o noso gran tesouro: a lingua galega, e esta labor fixérona de maneira anónima e mesmo invisible pero foron quen de transmitir o folclore galego co paso dos anos”. 

Neste senso, Luis Menor recalcou que desde o PP de Ourense, “co noso humilde “serán”, sumámonos a ritmo de pandeiretas a esta celebración tan significativa e sentida do gran tesouro inmaterial que nos une como pobo: as nosas Letras Galegas”.

Pola súa parte, a presidenta da Xestora Local da cidade de Ourense, Ana Méndez, puxo en valor o legado de Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos e as Pandeireteiras de Mens, as mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025: “Este ano ten un significado especial, pois está dedicado ás cantareiras, esas mulleres que, coa súa voz, mantiveron viva a nosa poesía oral popular. Elastransmitiron xeración tras xeración a esencia da nosacultura e da nosa lingua, e foron e seguen sendo un símbolo de identidade”.

Ana Méndez subliñou tamén o compromiso do Partido Popular coa identidade e a cultura galegas: “A nosalingua, a nosa identidade e as nosas raíces sempreterán cabida, e manteremos o compromiso de promovelas e transmitilas ás novas xeracións”.

Por outra banda, o presidente de Novas Xeracións da cidade de Ourense, Manuel Novoa, sinalou o orgullo que sente a mocidade de formar parte dun proxecto político comprometido coa cultura: “Temos que estar orgullosos de pertencer ao partido ao que pertencemos. Porque, dígase claro: nesta cidade, sen o Partido Popular de Ourense non habería cultura. A Miteu, o OUFF ou o propio Día das Letras Galegas tamén son a cultura que queremos os mozos e mozas desta cidade”.

Manuel Novoa tamén puxo en valor o papel da música tradicional entre a xente nova: “Temos tradición, temos creatividade e temos futuro. E desde Novas Xeraciónse o Partido Popular, seguiremos apostando por unha Galicia orgullosa das súas raíces, moderna, viva e chea de talento”.

jueves, 15 de mayo de 2025

O PPdeG reivindica o galego como “patrimonio de todos os galegos” desde o convencemento de que “a nosa lingua é para unir e non para dividir”

 

Onte en Muxía o Partido Popular de Galicia reivindicou nun acto para conmemorar o Día das Letras Galegas que “a nosa lingua é para unir e non para dividir” e que, na medida en que forma parte da identidade de Galicia, “non pertence a ninguén máis que a todos e cada un dos galegos e galegas”.

 

Así o asegurou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, na súa intervención no acto organizado polo partido na Costa da Morte. Una intervención na que concluíu que a homenaxe deste ano á poesía popular oral galega, e en concreto ás cantareiras, supón “un canto á alma de Galicia” e un recoñecemento a todas aquelas mulleres que “ao longo da nosa Historia engrandeceron a nosa cultura co son das súas pandeiretas e coa forza da súa voz”.

 

“A Galicia moderna de hoxe non se entende sen a súa Historia e tradicións, do mesmo xeito que a Galicia orgullosa da súa lingua non se entende sen os cantos que lle deron voz e melodía, nin tampouco se entende a Galicia que se escribe en feminino sen a traxectoria de tantas mulleres valentes e poderosas que nos precederon”, asegurou.

 

Para a secretaria xeral do PPdeG, “ser conscientes do que somos é importante para reivindicar como queremos seguir sendo e cara onde queremos ir”. Algo que cobra especial relevancia nuns momentos nos que “todos xuntos temos a obriga colectiva de trazar o mellor camiño para a lingua galega”.

 

Por iso, quixo reivindicar que “mentres uns intentan apropiarse da lingua e ridiculizar a quen non a fala como eles, desde o PPdeG seguiremos falando galego”. Así mesmo, “mentres uns defenden modelos de imposición lingüística, nós seguiremos defendendo o bilingüismo cordial e a liberdade de cada persoa para expresarse na lingua que queira”.

 

“Mentres uns seguen instalados no conflito, na axitación e en rachar con todo, nós seguiremos poñendo en valor a importancia do pacto e dos acordos”, concluíu insistindo en que Galicia “é de todos os galegos e galegas, vivan onde vivan, pensen como pensen e falen como falen”.

 

LÓPEZ CAMPOS: “HONREMOS A QUEN FIXO DA SÚA VIDA UNHA DEFENSA DO GALEGO E DO SEU PRESTIXIO”

 

O acto foi conducido pola coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, que foi a encargada de dar paso ás diferentes intervencións e de presentar a Asociación Cultural Trubisquiña de Vimianzo, o grupo de cantareiras que interpretou tres pezas musicais.

 

O responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos, defendeu que o Día das Letras Galegas é unha xornada para “honrar a quen fixo da súa vida unha defensa do galego e do seu prestixio” e que, por iso, as cantareiras “merecen o recoñecemento do pobo galego por facer da música un acto de identidade e erguer a súa voz para dignificarnos como pobo”.

 

Na súa opinión, todas elas “cumpriron a importante tarefa de manter viva a nosa lingua e, grazas á súa voz, o galego non deixou de escoitarse e puido pasar de xeración en xeración”. De aí a súa contribución á identidade colectiva de Galicia.

 

“Desde o PPdeG cremos que a mellor defensa da nosa lingua é a través da convicción e non da imposición e apostamos por defender o galego desde o convencemento de que é o noso maior tesouro e que debemos coidalo para legarllo ás novas xeracións”, concluíu comprometéndose a seguir traballando na defensa e o prestixio da lingua.

 

SANDRA VILELA: “TEMOS CLARO QUE NON HAI FUTURO SEN RAÍZ”

 

Pola súa banda, a voceira do partido en Muxía, Sandra Vilela, sinalou na súa intervención que “non é casual” a elección deste concello para celebrar un acto como este: “En Muxía apostamos pola cultura dándolle vida ás tradicións, dignidade á nosa lingua e espazo ás nosas raíces. Porque temos claro que quen non coida da súa cultura, acaba por esquecerse de si mesmo”.

 

“Facémolo porque estamos orgullosos do que somos, con orgullo, con convicción e sen complexos”, explicou apuntando a que con este homenaxe ás cantareiras a quen realmente se homenaxea é “ás nosas avoas, ás nosas nais e a todas esas mulleres que fixeron da voz unha ferramenta de resistencia e de identidade”.

 

Desde o orgullo e o agradecemento, quixo concluír facendo un chamamento a “ser conscientes de que herdamos algo que temos a obriga de conservar” e reivindicando que “se algo temos claro no PPdeG é que non hai futuro sen raíz”.

lunes, 24 de febrero de 2025

Parabéns a Radio Galega que suma xa 40 anos de vida

 

Tal día como hoxe, hai 40 anos, o 24 de febreiro de 1985 comezou a Radio Galega  as súas emisións en probas.

Con tal motivo publiquei hoxe na rede social "X" este post:

"Lembro a ilusión coa que escoitei a primeira emisión da @RadioGalega. Desde aquel día fun un habitual oínte. Temos moito que agradecer aos  seus profesionais por estes primeiros 40 anos de servizo público a Galicia. Parabéns a todos."

domingo, 23 de febrero de 2025

23 de febreiro, Día de Rosalía De Castro e de algo máis

Hoxe 23 de febreiro é o Día de Rosalía de Castro a gran figura fundacional da cultura galega, unha poeta e novelista convertida na figura máis destacada do Rexurdimento cultural galego no século XIX e que segue a gozar entre a cidadanía do país dun enorme recoñecemento e agarimo.

Compre lee a escolma de contidos e recursos do Consello da Cultura Galega ao redor da escritora.


https://consellodacultura.gal/especiais/sempre-rosalia/


Tamén hoxe é un día especial para min xa que fai sesenta e sete anos que nacín en Ourense nunha clínica situada na rúa que leva o nome de Curros Enríquez, o outro gran referente do citado Rexurdimento.




martes, 7 de enero de 2025

In memoriam de Castelao: “Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos”


Está mañá San Domingos de Bonaval acolleu  un acto cívico que abre a celebración da conmemoración do 75 aniversario do pasamento de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950), figura senlleira da cultura e política galegas.  Compre lembrar que a Xunta acordou declarar 2025 como Ano Castelao co gallo deste cabodano e como mostra de gratitude do pobo galego a esta ilustre galeguista.

“Castelao convócanos sempre e únenos a todos” afirmaba neste acto Miguelanxo Seixas en no nome da institución que preside, a Fundación Castelao.

Comparto ao cento por cento o que escribe hoxe nunha Tribuna o Presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes: "Sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea. Xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía de Castro no século XIX. Castelao no século XX.

Moi poucas personalidades concitan tanto recoñecemento e adhesión como Castelao. Xa en vida. O pé do debuxo do álbum Nós (1920) que representa un coloso en construción rodeado de escadas e obreiros resume a súa filosofía: “Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos”. 

Esta idea dun proxecto común (Galicia) en permanente proceso de construción, que demanda a participación de toda a comunidade, mesmo por riba de diferenzas cativas, é un discurso que repetiu ao longo de toda a súa vida e que plasmou nesoutro documento fundamental: a “Alba de Gloria” do ano 1948, pouco antes do seu falecemento.

Galicia somos todos e todas. A cultura galega é un proxecto en construción que se expresa en formas e con sensibilidades diferentes. Vivimos un tempo de grandes desafíos que debemos afrontar dende a esixencia crítica e con afouteza, dende o traballo e con ilusión, mais tamén con espírito aberto, pois somos unha parte do mundo, non unha illa, e coa casa disposta a recibir a quen quere vir traballar nela, sen sectarismos, sen exclusións. Tal é o espírito que a obra de Castelao nos transmite."

Toda a miña admiración por Castelao, a cuxa obra literaria, artística e política aproximeime por primeira vez nos meus anos universitarios en Santiago de Compostela.

O seu galeguismo integrador co que síntome plenamente identificado debería estar hoxe mais vixente que nunca e espero que os actos que se celebren neste Ano Castelao contribúan a iso.
Ilustro esta entrada cunha foto de Castelao que permaneceu sempre exposta no meu despacho profesional de avogado desde que o abrín en 1985. E as outras fotos son do exemplar de "Sempre en Galicia" que comprei un 27 de novembro de 1985- fai trinta e nove anos - e que gardo na miña biblioteca.




26-1-1986. Eu diante do busto de Castelao en Rianxo
¡

2025