A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe na reunión da Comisión de Directores Xerais de Transporte Terrestre convocada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, onde lamentou o atraso acumulado polo Goberno central na elaboración do Plan social para o clima e a falta de dialogo, que sitúa as comunidades autónomas nunha posición subordinada en todas as actuacións estatais de fomento da mobilidade sostible. Fontela reiterou a demanda de que as comunidades participen activamente na toma de decisións a nivel estatal nos ámbitos con competencias autonómicas como o transporte.
Un dos temas principais da xuntanza foi o Plan social para o clima, que debe recoller as propostas españolas para optar ao financiamento do Fondo social polo clima da Unión Europea para o período 2026-2032, e cuxa presentación por parte do Goberno central leva un ano de atraso. Ademais, continúa pendente a transposición da Directiva ao ordenamento xurídico nacional, mantendo aberto o procedemento de infracción da Comisión Europea e introducindo incerteza sobre o marco xurídico nacional vinculado ao sistema de comercio de emisións para sectores como o do transporte (ETS2).
Judit Fontela incidiu en que a Xunta denunciou en reiteradas ocasións a inacción do Executivo central na planificación das medidas e investimentos ao abeiro do Fondo social polo clima. Así, lembrou que, ante a falta de avances e a opacidade en relación con estes fondos, xa en maio de 2025, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu formalmente á Comisión Europea unha proposta con máis de 60 actuacións na comunidade. Nelas, entre os proxectos relacionados coa mobilidade salienta a creación dun sistema de transporte rural á demanda, integrando transporte regular, discrecional e adaptado nunha plataforma única, a mellora de paradas, o impulso da mobilidade activa e compartida, e a renovación de vehículos con menores emisións.
Abono único e bonificacións
Por outra banda, a directora xeral referiuse ao abono único social para o transporte integrado no proxecto estatal do Plan social para o clima, ao que o Goberno central destina unha das maiores partidas do financiamento mentres continúa sen abordar coas autonomías o abono único que deseñou de costas a elas. Nas alegacións presentadas a esta medida en abril, a Xunta puxo de manifesto a necesidade de garantir o respecto do reparto competencial, a sostibilidade financeira e que se teñan en conta os aspectos técnicos e de interoperabilidade, así como a adaptación ás singularidades de cada territorio. Nesta liña, Judit Fontela esixiu corrixir os problemas do deseño do abono único de transportes como garantía antes da súa ampliación.
Na comisión de directores tamén se abordou o atraso no pago por parte do Goberno central das axudas ás comunidades autónomas polo descontos adicionais nos prezos do transporte público. A directora xeral sinalou que a Xunta está adiantando os fondos para asegurar o funcionamento do desconto, a pesar da incerteza. Malia os compromisos do Ministerio de adiantar os importes concedidos para os descontos en 2025, o Goberno galego asumiu con fondos propios a súa aplicación e non recibiu os pagos correspondentes a cada semestre ata estar finalizados. Denunciou tamén que neste ano a situación é máis preocupante, ao descoñecer cal é o importe concedido e cando se fará o pago da axuda por parte do Goberno central.
Convocatoria da Conferencia Sectorial
A maiores, o Ministerio expuxo na xuntanza unha futura proposta de regulamento interno de organización e funcionamento da propia Comisión de Directores Xerais de Transporte Terrestre. Judit Fontela cualificou de sorprendente que se aborde este regulamento cando a Conferencia Sectorial de Transportes, o órgano competente para abordar ao máximo nivel as medidas que afectan á mobilidade estatal e autonómica leva máis de catro anos sen convocarse. Nesta liña, reiterou a demanda da Xunta de que se desbloquee e convoque de forma inmediata a Conferencia Sectorial de Transportes.
Para a directora xeral, o Ministerio limita a participación efectiva das comunidades autónomas na toma de decisións e nos mecanismos de gobernanza no ámbito da mobilidade. Así, puxo como exemplo recente a tramitación para a creación do Foro Territorial de Mobilidade Sostible e o Consello Superior de Mobilidade Sostible, onde a composición dos órganos colexiados deixa as comunidades sen capacidade de incidir na adopción de acordos, a pesar de que as súas funcións se refiren a competencias autonómicas.
https://www.transportes.gob.es/movilidad-sostenible/plan-social-clima