O PPdeG esixe que a vivenda sexa considerada como “unha prioridade social, económica e demográfica”, reivindicando neste sentido o compromiso e o traballo que realizan neste ámbito os gobernos populares na Xunta de Galicia e na Deputación de Ourense, fronte ao “caos habitacional” xerado polo Goberno de Sánchez coa Lei estatal de Vivenda.
Así o manifestaron a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o presidente provincial do PP, Luis Menor, acompañados polo coordinador da Xunta Xestora do PP local e deputado autonómico, Víctor Baladrón, durante a clausura da xornada informativa organizada onte polo partido en Verín, con máis dun cento de asistentes, para tratar o grave problema do acceso á vivenda.
Prado sinalou que hai unha semana, na celebración do segundo aniversario das eleccións autonómicas, o presidente Alfonso Rueda volveu lembrar un dos compromisos da campaña e gran obxectivo desta lexislatura: duplicar o número de vivendas públicas, pasando de 4.000 a 8.000 en toda Galicia.
“É unha meta que require moita xestión, axilidade e compromiso, pero estou segura de que a Xunta vai conseguilo e, de feito, xa vai polo bo camiño: 3.000 vivendas xa están en marcha e as outras 1.000 o estarán este ano”, subliñou.
De feito, o Goberno galego xa foi máis alá e anunciou que en 2030 as vivendas públicas chegarán a 10.000, cun investimento de 2.000 millóns de euros, tal e como se recolle no II Pacto pola Vivenda, “blindando así o dereito a un fogar”.
“A Galicia que Goberna é tamén isto: construción, rehabilitación e xestión de solo residencial en colaboración cos concellos”, engadiu a número dous do PPdeG, que puxo este modelo en contraposición co do Goberno de Sánchez, que “carece de políticas de vivenda ou, no mellor dos casos, son erradas, como esa Lei estatal que protexe aos okupas fronte aos propietarios”.
LUIS MENOR: “TEMOS O DIAGNÓSTICO, A VONTADE E O MODELO PARA GARANTIR O ACCESO A UN FOGAR DIGNO”
Na súa intervención, Luis Menor subliñou a importancia destes encontros para “falar de realidades e para propoñer solucións desde a política útil” que practica o Partido Popular. Desta volta cunha parada obrigada en Verín por se tratar do terceiro municipio da provincia con maior número de vivendas baleiras: 4.076.
Neste ámbito local, os populares urxen a aprobación definitiva do Plan Xeral, lamentando que o municipio siga rexido por unhas normas do ano 1986. Para o PP, é "unha laxa" pretender construír o futuro de 2026 con regras de hai catro décadas.
O presidente provincial avogou por evitar que o caos do Goberno de Sánchez se impoña ao sentido común. Calquera persoa, enfatizou, debe comprender que “unha vivenda baleira é unha oportunidade perdida, un mozo que non se independiza, unha familia que non se asenta e un pobo que non crece”.
Fronte ao "ruído e intervencionismo" do Goberno central, puxo tamén en valor o compromiso da Deputación de Ourense, que practicamente triplicará o seu orzamento para o Plan de Vivenda ata alcanzar os 1,2 millóns de euros.
“Temos o diagnóstico, a vontade e, sobre todo, o modelo para garantir o acceso a un fogar digno”, defendeu Luis Menor, quen pediu seguir “traballando para que Verín e toda a provincia de Ourense sexan o lugar onde todos os nosos veciños poidan desenvolver o seu proxecto de vida”.
PLANEAMENTOS, INSEGURIDADE XURÍDICA E AXUDAS
Benito Iglesias, coordinador da Área de Vivenda e Urbanismo do PPdeOU, abriu o encontro lembrando que os populares esixen a derrogación da Lei estatal de Vivenda, que desde a súa aprobación en 2023 deixou o mercado de alugueiro en mínimos históricos e con prezos máximos. Tamén abordou os planeamentos urbanísticos —no caso de Verín pendente de aprobación definitiva— como plans que non tratan de vivenda, senón que representan “a viabilidade económica, social o demográfica de calquera municipio”.
A concelleira do Grupo Popular no Concello de Ourense Sonia Ogando foi a encargada de abordar os principais aspectos que xeran inseguridade xurídica entre os donos de vivendas, provocando a aguda escaseza de oferta, ademais de explicar as diferenzas entre pequenos e grandes propietarios, ‘inquiokupas’, okupas ou familias vulnerables.
Entre tanto, Pilar Fernández, responsable territorial en Ourense do Goberno galego en materia de vivenda, explicou e detallou as principais liñas de axuda impulsadas pola Xunta para facilitar á cidadanía un fogar digno, accesible e adaptado ás súas necesidades. Medidas “planificadas con rigor”, dixo, como o programa Fogar Vivo, as axudas á rehabilitación ou para adquisición de vivenda e avais entre a mocidade.
