O Consello da Xunta aprobou hoxe a Estratexia galega da paisaxe: Horizonte 2030, que , que situará a paisaxe como eixe central das políticas autonómicas a través dunha planificación transversal cun orzamento de preto de 207 millóns de euros en cinco anos.
Esta é a primeira ocasión en que a Xunta pon en marcha unha estratexia en que se identifican as actuacións sectoriais de todos os departamentos autonómicos que poidan ter incidencia na paisaxe co obxectivo de que no seu desenvolvemento se lle dea especial prioridade aos criterios paisaxísticos.
Este novo enfoque institucional supón un salto cualitativo que permitirá fomentar as sinerxías entre as diferentes consellerías para dar unha mellor resposta ás políticas públicas con incidencia territorial.
Ademais de promover unha acción coordinada, integrada e compartida por parte do Goberno galego, esta estratexia é resultado dun sólido proceso participativo e de consenso, no cal interviñeron tanto os departamentos da Xunta con competencias que inciden na paisaxe, como outras administracións públicas e un grupo asesor de persoas expertas na materia. En concreto, realizáronse máis de 41 encontros de traballo para deseñar a estratexia aprobada hoxe.
Esta actualización, que dá continuidade ao traballo que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), vén desenvolvendo nos últimos anos, dá resposta a un escenario máis complexo e exixente, que está marcado pola loita contra o cambio climático, a evolución do marco normativo –por exemplo, coa aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia– e a nova realidade territorial e demográfica.
Nesa liña, a nova estratexia ten como reto non só consolidar a paisaxe como valor ambiental, cultural e social, senón tamén como recurso estratéxico para un desenvolvemento territorial máis cohesionado, sostible e resiliente. Polo tanto, ademais da integración estética, esta estratexia aposta pola paisaxe como un activo relevante para o desenvolvemento da Comunidade con catro obxectivos xerais: avanzar na integración da paisaxe nas políticas sectoriais, protexela, xestionala, ordenala e coordinar e concienciar a poboación neste eido.
Seis eixes estratéxicos
Para acadar eses obxectivos, a estratexia articúlase en seis eixes estratéxicos: posta en valor do patrimonio paisaxístico, paisaxes produtivas e resilientes, planificación territorial paisaxística, recuperación e restauración paisaxística, calidade de vida e benestar, e formación e sensibilización. Estes eixes materialízanse en 14 liñas de acción, das cales derivan un total de 32 actuacións.
Máis polo miúdo, o eixe para a posta en valor do patrimonio paisaxístico disporá de 71,1 millóns de euros para actuacións dirixidas á integración paisaxística do litoral –definirá, por exemplo, os criterios paisaxísticos que deberán reunir as persoas interesadas en formar parte da Rede de establecementos turísticos do litoral–, e á recuperación paisaxística e restauración dos sistemas fluviais, zonas húmidas e elementos etnográficos hídricos. Neste caso, entre outras accións, rehabilitaranse infraestruturas fluviais como represas, pontes peonís ou pasarelas que formen parte do patrimonio hidráulico, e melloraranse a accesibilidade e os servizos públicos nestas contornas coa creación ou mellora de sendeiros ou zonas de descanso.
A maiores, tamén se promoverá a conservación e a rehabilitación dos elementos do patrimonio cultural, como as contornas do Camiño de Santiago ou os mercados de abastos tradicionais, e a integración ambiental da súa contorna.
En canto ás paisaxes produtivas e resilientes, nas actuacións, que suporán un investimento de 56,2 millóns de euros, o obxectivo é a integración do sector agropecuario como configurador da paisaxe rural. Entre as actuacións previstas está a ordenación e a planificación das terras agrarias para optimizar o uso do solo e previr incendios –agrupacións forestais de xestión continua, etc.–; o fomento da produción multifuncional dos montes galegos, co impulso, por exemplo, de produtos non madeireiros como o mel ou os cogomelos, ou o desenvolvemento de solucións baseadas na natureza, como a rehabilitación de soutos.
De cara á mellora da resiliencia da Comunidade ante os efectos derivados do cambio climático, desenvolveranse accións nas contornas fluviais para restaurar a dinámica natural dos ríos e integrar paisaxisticamente as infraestruturas nas áreas con risco de inundación. Ademais, nas contornas urbanizadas promoverase a creación de refuxios climáticos.
No que atinxe á recuperación e restauración paisaxística, o obxectivo é rehabilitar as áreas antropizadas e aquelas contornas afectadas por incendios forestais. En concreto, destinaranse 10,7 millóns de euros á restauración ecolóxica e á integración paisaxística de zonas mineiras en desuso, das infraestruturas viarias –execución de ecodutos ou pasos de fauna, adecuación das travesías de entrada a núcleos de poboación, etc.– e das áreas industriais –creación de corredores verdes–.
Outro dos eixes desta estratexia ten como obxectivo a mellora da calidade de vida e do benestar da veciñanza, ofrecendo espazos de uso público sostibles, saudables e respectuosos coa paisaxe. Nese senso, promoverase a aposta polo fermosismo, tanto a nivel individual –renovación de fachadas e cubertas– como colectivo –elaboración de plans de acción da paisaxe en núcleos existentes–. A maiores, tamén se incluirá a perspectiva paisaxística no deseño e na mellora de espazos públicos a través de iniciativas como o plan Hurbe. Este eixe conta cun financiamento de 49,8 millóns de euros.
Esta nova estratexia tamén busca a implicación e concienciación da cidadanía sobre a importancia da paisaxe. Nese senso, destinaranse 9,7 millóns de euros a accións de formación e sensibilización tanto para persoal técnico das administracións como para a poboación en xeral. En concreto, prestarase especial atención á divulgación dos valores da paisaxe entre as persoas máis novas, con accións formativas en centros educativos e co deseño de materiais didácticos.
Con respecto á planificación territorial paisaxística, o Goberno galego destinará 9,4 millóns de euros a elaborar pautas e recomendacións técnicas que permitan a correcta integración na paisaxe dos diferentes proxectos e iniciativas que teñan repercusión na ordenación do territorio.
