O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia pechou o 2025 nunha situación de “equilibrio”, mantendo un “alto nivel de execución orzamentaria e sen déficit”, o que permitiu reforzar as políticas de gasto en servizos públicos.
Así o reflicte o informe presentado ao Consello da Xunta pola Consellería de Facenda e Administración Pública relativo ao avance de peche do exercicio do pasado ano.
O documento destaca a execución dos gastos correntes, vinculados principalmente aos servizos públicos -sanidade, educación e servizos sociais-, que chegou ao 106% dos créditos iniciais, aumentando en 555 millóns de euros. Reflicte, tamén, a boa execución do orzamento, que se sitúa no 97,4% –o resto son fondos europeos que se executan en varias anualidades–, e dos fondos propios, que chega ao 101 % dos créditos iniciais.
O esforzo investidor da Xunta, tal e como detallou o presidente, acada o 14,6% e o aforro bruto os 1.359 millóns de euros, “o que permite financiar maiores investimentos sen necesidade de acudir ao endebedamento”. A solvencia financeira de Galicia fai posible reforzar “a prestación de servizos de carácter social”, apuntou; isto é, o gasto en sanidade, en educación, en políticas sociais, en vivenda e en I+D+I, ademais de seguir entre as comunidades autónomas máis investidoras.
Polo que se refire aos ingresos, acadan unha execución do 98,8%, destacando os tributarios, que medran un 6%, cunha recadación de 8.371 millóns de euros. Ingresáronse 348,5 millóns máis que no ano 2024, un 2,6% a maiores. No caso dos ingresos correntes, a súa execución elevouse ata o 101,7%, cun bo comportamento en todos os capítulos. Os datos confirman a prudencia coa que se elaboran as contas autonómicas e a solvencia dos seus resultados. 45
Redución da ratio de débeda sobre o PIB
O documento destaca tamén que o sólido e continuado crecemento económico de Galicia, xunto ao bo desempeño orzamentario e o moderado nivel de débeda, levou ás axencias de cualificación S&P e Moody´s a mellorar en 2025 as súas avaliacións da calidade crediticia da Comunidade (A+ e A3), o que se traduce nunha baixada do índice de débeda sobre o PIB de 0,7 puntos nun só ano, reducíndose ata o 13,9%. Galicia, polo tanto, non precisa unha condonación da débeda e “acada ese obxectivo fixado para 2029 de estar por debaixo do 14% catro anos antes”, destacou Alfonso Rueda.
A redución acadada mellora a estimación prevista no Plan Estratéxico de Galicia 2030 para este exercicio, que era dun 16,0 %. En cinco anos, a Xunta reduciu un 29% a ratio de débeda sobre o PIB.
Por último, Galicia segue sendo, un ano máis, un referente entre as comunidades que máis rápido pagan aos seus provedores, situando a media anual ata novembro do 2025 (último mes con datos publicados) nos “15,3 días, case 11 menos que o promedio estatal (26,1 días)”, indicou.
En definitiva, Rueda destacou que o Goberno galego pechou o ano 2025 cun “saldo fiscal positivo do 0,11 % do PIB, mellorando as previsións iniciais”, nas que se contemplaba un obxectivo de déficit cero, obtendo unha capacidade de financiamento de 96 millóns de euros e executando o 97,4 % do presupostado.
Faino, ademais, cumprindo as regras fiscais tanto no obxectivo de estabilidade como no obxectivo de débeda, axustándose á regra de gasto europea e, por segundo ano consecutivo, sen recorrer ao déficit.
