O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe que o seu Executivo decidiu este luns dar un mes de prazo ao Goberno central para que lle remita documentación sobre o proceso de infracción aberto pola Comisión Europea (CE) en relación á prórroga da AP-9 ou levará o asunto aos tribunais.
Trasladouno ao termo da reunión semanal do Executivo, nunha comparecencia ante os medios na que lembrou que fai máis de tres meses que a Xunta pediu ao Ministerio de Transportes que lle facilitase a documentación enviada pola Comisión Europea (CE), que considera ilegal a prórroga autorizada no seu día polo Executivo central cando o presidía o 'popular' José María Aznar; así como a resposta do propio Goberno español a Europa.
"Non tivemos ningún tipo de resposta, volvemos insistir e hoxe acordamos dar un prazo. Se no prazo dun mes non se nos achega o solicitado, emprenderemos accións xudiciais e estableceremos un recurso contencioso administrativo por esta falta de resposta do Goberno central", advertiu Rueda.
Rueda lembrou que o Parlamento acordou "por unanimidade" que o máis favorable, aproveitando a conxuntura europea, era o "rescate" e posterior transferencia da titularidade desta infraestrutura estratéxica para Galicia.
"É a mellor, a única solución", incidiu Rueda, quen lamentou que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez manifestouse ata o de agora en sentido "negativo" e que, mentres se efectúan rebaixas de peaxes noutros puntos de España, na AP-9 sigan á alza cada novo exercicio.
Informe do Consello da Xunta
O Consello deu conta hoxe dun informe sobre o último requirimento feito neste inicio de ano pola Xunta de Galicia ao Goberno central para coñecer a resposta que lle dirixiu o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible á Comisión Europea, tras o ditame dese órgano sobre as prórrogas da AP-9. No mesmo, advírtese ao Goberno estatal que, de non remitir resposta no prazo dun mes, a Xunta emprenderá accións xudiciais en defensa dos intereses de Galicia.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas requiriu hai máis de tres meses o acceso á información remitida polo Ministerio á Comisión Europea tras o seu ditame sobre as prórrogas da AP-9 emitido en setembro. Transcorrido o prazo legal para contestar, sen que o Goberno central facilitase a documentación solicitada, a Xunta vén de enviar un novo requirimento ao Goberno central, brindándolle unha última oportunidade de facilitar a documentación, previa á apertura da vía contenciosoadministrativa.
O requirimento ten como obxectivo acceder á resposta que o Estado español remitiu á Comisión Europea no marco do ditame motivado sobre as prórrogas á concesión da AP-9, no que Bruxelas cuestiona o cumprimento da normativa comunitaria de contratación pública. A Comisión Europea advertiu, ademais, de que España podería ser levada ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non adopta as medidas oportunas, polo que se trata dun asunto de enorme transcendencia para a Comunidade.
Tal e como adiantou o Executivo autonómico, o envío deste requirimento abre un novo prazo dun mes: se o Ministerio non responde ou se a resposta non é considerada válida, a Xunta presentará recurso contencioso-administrativo. O Goberno galego actúa así en defensa do interese xeral de Galicia e para garantir a transparencia nunha infraestrutura estratéxica que vertebra o territorio como é a AP-9.
Non é a primeira vez que o Goberno central desoe as peticións reiteradas de Galicia en relación coa AP-9. Desde o inicio da lexislatura, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas dirixiuse ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible nunha ducia de ocasións para abordar cuestións relacionadas coa xestión da autoestrada e tratar de manter un encontro co ministro do ramo sobre este asunto. Mesmo se lle deu 38 traslado dos numerosos acordos parlamentarios unánimes para reclamar a gratuidade das peaxes e o rescate da concesión. O Executivo autonómico quere insistir en que a solución na AP-9 pasa polo rescate e a transferencia da xestión da autoestrada.
A Xunta de Galicia ten feitos os cálculos sobre o custo do rescate en relación coa permanencia da prórroga ata 2048, que plasmou nun estudo en 2024 que estimaba inicialmente a cifra en 2.331 M€, equiparables ao que suporía atender a política de bonificacións desenvolvida polo Goberno estatal ata esa data. Actualizado este cálculo o pasado agosto de 2025 -informado polo Consello da Xunta- a contía elévase ata os 2.356M€, unha nova estimación na que destaca o incremento en 65M€ do lucro cesante da concesionaria, como consecuencia do aumento dos seus beneficios. A Xunta considera que a xestión da autoestrada por parte do Estado nos últimos anos resultou prexudicial para o interese xeral. Entre os principais efectos sinalados figuran a subida continuada e desproporcionada das peaxes e o enriquecemento progresivo da concesionaria.
Infraestrutura estratéxica
A AP-9 constitúe unha infraestrutura estratéxica que vertebra o 60% do territorio galego, cunha intensidade media diaria de 26.000 vehículos, que nalgúns treitos acada os 60.000, e cunha funcionalidade clave tanto para o tráfico interurbano como metropolitano.
A Xunta lembra que mentres noutras zonas de España se está a proceder á reversión de numerosas autoestradas de peaxe, séguelle a negárselle a Galicia. As condicións do rescate, a medida que pase o tempo, serán cada vez máis gravosas polas inxeccións de diñeiro público que está a recibir a concesionaria, sumada á suba de tarifas. Ademais adiaranse os beneficios do transvase de tráfico que a liberación da peaxe implicará dende as estradas convencionais cara á AP-9, co consecuente aforro de tempo, menos contaminación e máis seguridade viaria.
