lunes, 23 de febrero de 2026

O Consello da Xunta autorizou hoxe a interposición dun recurso contencioso-administrativo co obxectivo de obter a información remitida polo Goberno de España á Comisión Europea en relación co ditame sobre as prórrogas da concesión da AP-9


O presidente Alfonso Rueda deu conta de que o Consello da Xunta autorizou hoxe a interposición dun recurso contencioso-administrativo co obxectivo de obter a información remitida polo Goberno de España á Comisión Europea en relación co ditame sobre as prórrogas da concesión da AP-9.


A decisión prodúcese despois de que o Executivo autonómico recibise a resolución denegatoria do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable respecto do requirimento efectuado pola Xunta o pasado mes de xaneiro para que se facilitase a documentación, tras tres meses sen resposta desde a solicitude formulada para eses efectos.


A comezos deste mesmo mes de febreiro deuse conta no Consello da Xunta do informe relativo ao citado requirimento formulado ao Goberno estatal para coñecer a resposta remitida polo Ministerio á Comisión Europea en relación co ditame motivado, polo que esta solicitaba a España que se respectasen as normas comunitarias en materia de contratación, referíndose en particular á prórroga da concesión da AP-9.


Nese informe advertíase expresamente de que, de non obter contestación no prazo dun mes, a Xunta emprendería accións xudiciais.


A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas solicitara a finais de setembro de 2025 o acceso á información trasladada polo Estado a Bruxelas no marco do citado ditame. Transcorrido o prazo legal sen resposta, e efectuado o requirimento previo á vía xudicial, o Goberno central respondeu a este negativamente.


O Executivo galego subliña a enorme transcendencia deste asunto, tendo en conta que a Comisión Europea advertiu da posibilidade de levar España ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non adopta as medidas oportunas. Por iso, a Xunta considera imprescindible coñecer con detalle a posición defendida polo Estado nunha cuestión que afecta directamente os intereses de Galicia.


Non é a primeira vez que o Goberno central se nega ás peticións reiteradas daComunidade en relación coa AP-9. Desde o inicio da lexislatura, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas dirixiuse en múltiples ocasións ao Ministerio competente para abordar cuestións vinculadas á xestión da autoestrada e trasladoulle tamén os acordos parlamentarios unánimes do Parlamento de Galicia reclamando a gratuidade das peaxes e o rescate da concesión.


O Goberno galego insiste en que a solución na AP-9 pasa polo rescate e a transferencia da xestión da autoestrada. A Xunta elaborou os cálculos sobre o custo do rescate en relación coa permanencia da prórroga ata 2048, que plasmou nun estudo en 2024 que estimaba inicialmente a cifra en 2.331 M€, equiparables ao que suporía atender a política de bonificacións desenvolvida polo Goberno estatal ata esa data. Esta cifra foi actualizada en agosto de 2025, elevándose ata os 2.356M€, unha nova estimación en que destaca o incremento en 65M€ do lucro cesante da concesionaria, como consecuencia do aumento dos seus beneficios.


Coa interposición deste recurso contencioso-administrativo, o Executivo autonómico 

reafirma o seu compromiso coa defensa da transparencia, da legalidade e dos intereses de Galicia nunha infraestrutura fundamental para a mobilidade, a cohesión territorial e o desenvolvemento económico da comunidade.


O Goberno galego lembra tamén que mentres noutras zonas do Estado se está a proceder á reversión de autoestradas de peaxe, en Galicia continúase prorrogando unha concesión que considera lesiva para o interese xeral, debido á suba continuada das   peaxes e ao enriquecemento progresivo da concesionaria.