lunes, 23 de febrero de 2026

O Consello da Xunta avaliou os prazos dos trámites pendentes, incompatibles coa promesa do Goberno central de conectar Galicia co norte de Portugal en 2032 e, menos aínda, co posterior anuncio de que estará rematada en 2030



O Consello da Xunta avaliou hoxe os prazos pendentes na execución da conexión de alta velocidade entre Galicia e o norte de Portugal, que se demoraría polo menos ata 2038 ante os atrasos na tramitación por parte do Goberno central no treito da saída sur de Vigo e no seu contiguo desde O Porriño ata a fronteira portuguesa. 

O Goberno galeno insistiu novamente en que os trámites pendentes fan incompatible a execución desta infraestrutura prioritaria co horizonte inicial de 2032 establecido polo Executivo estatal, especialmente, co posterior anuncio de que estará rematada en 2030.


No informe avaliado hoxe recóllese que só no que se refire á saída sur de Vigo a publicación do estudo informativo se ampliou dous anos sobre o prazo contractual inicial. Cómpre lembrar que no contrato asinado en xuño de 2023 se establecía un prazo de 18 meses ata decembro de 2024. 


En abril do ano pasado o Goberno central, a través do secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, indicaba que o estudo estaría listo antes do verán de 2025 pero, chegada esa data, o Comisionado do Corredor Atlántico rectificaba anunciando a súa publicación para antes de finais de 2025. Isto suporía un ano de demora sobre o prazo contractual ao que hai que sumar outro ano máis debido a que en novembro do ano pasado se ampliaba o período de redacción do estudo ata outono deste 2026. O motivo deste novo atraso débese a que o estudo acordado en 2023 non incluía as obras de supresión do paso a nivel do Porriño e o enlace co seguinte treito entre O Porriño e a fronteira portuguesa.


Polo tanto, trátase dun atraso evidente no estudo informativo, que demora aínda máis os outros trámites pendentes ata que a saída sur estea rematada. Ben que noutro informe avaliado o ano pasado nun consello da Xunta sobre esta conexión se sinalaba que a saída sur non estaría finalizada ata 2034, cos novos atrasos este horizonte prolongaríase aínda máis e non sería unha realidade ata 2037. Así, unha vez o estudo informativo se someta a información pública, que aínda está pendente, habería que esperar seis meses para proceder á tramitación ambiental. Este trámite suporía outros 18 meses, e a contratación e execución do proxecto construtivo, que pode prolongarse atres anos. A continuación, farían falta entre cinco e seis anos máis para a licitación e execución das obras, dada a súa complexidade.


Segundo estas estimacións, non sería posible polo tanto a promesa do Goberno central de conectar Galicia co norte de Portugal en 2032, e moito menos en 2030, e a saída sur de Vigo non estaría finalizada ata 2037. Por este motivo, desde a Xunta insístese na demanda dun calendario claro e dun programa de investimentos para a saída sur de Vigo, imprescindible para materializar esta infraestrutura estratéxica e ofrecer un servizo ferroviario do século XXI que conecte a Comunidade galega con Portugal.


Nesta liña, a semana pasada o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse co alcalde de Porto, Pedro Duarte, e agradeceulle o compromiso con esta infraestrutura, ao mesmo tempo que instou o Goberno central a axilizar as obras pendentes no territorio español. Ademais, o pasado venres, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo unha reunión coa conselleira do Coordinador do Corredor Atlántico, Julie Buy, en que se lle entregou un documento coas prioridades de Galicia para acadar un desenvolvemento equilibrado do Corredor Atlántico, o que inclúe a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto.


No informe avaliado hoxe no Consello da Xunta tamén se abordou a materialización do seguinte treito para a conexión con Portugal entre O Porriño e a fronteira portuguesa. A finais de 2011 aprobouse o estudo informativo e non houbo avances ata o ano pasado, cando se licitou a redacción en xuño para proceder á súa adxudicación dous meses despois. 


Segundo os trámites e prazos necesarios para levar a cabo esta obra, a Xunta non estima que se atope operativo este treito antes de 2038. Ademais, cómpre lembrar que o Goberno de España e Portugal deben negociar a construción e o financiamento dunha nova ponte internacional.