viernes, 27 de febrero de 2026

O PP de Ourense esixe ao Goberno do Estado un plan de choque urxente ante o estado “de risco” da estrada N-120


Esta mañá desde o PP de Ourense difundimos esta nota de prensa dando conta dunha iniciativa conxunta cos deputados populares da provincia de Lugo

 

O PP de Ourense esixe ao Goberno do Estado un plan de choque urxente ante o estado “de risco” da estrada N-120


· Os deputados populares presentan unha batería de preguntas no Congreso ante "o nefasto estado de conservación" da estrada N-120, que se agravou por mor dos numerosos temporais que sufriu a provincia.


· Os populares fanse eco da "odisea" na que se converteu esta estrada para os condutores, con centos de fochancas e avarías constantes por rebentóns de rodas, polo que reclaman que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible asuma a responsabilidade polos danos económicos que sofren os usuarios 

27, febreiro, 2026. Os deputados do PP de Ourense no Congreso, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, de xeito conxunto cos deputados populares de Lugo -Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades- veñen de presentar unha iniciativa parlamentaria para esixir ao Goberno de España unha intervención "integral e inmediata" na estrada N-120.

Os deputados populares denuncian que esta vía, esencial para a comunicación entre Ourense e Lugo, atópase “nun estado de abandono que pon en risco a seguridade viaria dos usuarios”.

 

A estrada N-120 carece de calquera alternativa de alta capacidade no tramo que vai desde a cidade de Ourense ata o límite coa provincia de León, atravesando comarcas clave na provincia de Lugo, como Quiroga ou Monforte de Lemos.

 

A falta de avances na autovía A-76, por mor da "desidia" do Executivo socialista, obriga a miles de ourensáns e lucenses a transitar diariamente por un firme cheo de fochancas.

 

"A situación empeorou de xeito substancial nos dous primeiros meses de 2026 debido aos constantes temporais, que remataron por desfacer o asfalto, xa moi deteriorado", sinalan os deputados.

 

A iniciativa recolle testemuños de usuarios e crónicas nos medios de comunicación, nas que se cualifica a circulación por esta estrada como unha "montaña rusa" de saltos e vibracións.

 

Os populares destacan que as fochancas, en moitos casos sen sinalizar e de gran profundidade, están a causar un "regueiro de incidencias" e avarías diarias. "Hai condutores que sofren rebentóns de rodas e roturas de amortecedores nada máis saír do taller; os talleres da zona incluso están a quedar sen existencias de pneumáticos pola alta demanda de reparacións", expoñen.

 

Ante esta realidade, os deputados están a demandar:

 

·  Un Plan Integral de Rehabilitación que permita a posta en marcha dunha planificación extraordinaria con partidas orzamentarias plurianuais para arranxar o firme, muros, noiros e obras de paso.


· Garantir un mantemento preventivo  cunha conservación estrutural e profesional da vía que evite os "parches".


· Que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible asuma a responsabilidade patrimonial para facerse cargo dos gastos de reparación dos vehículos que sufriron danos causados polo pésimo estado da calzada.

 

"Os lucenses e ourensáns non poden seguir xogando a vida e o peto cada vez que collen o coche para ir traballar ou acudir ao médico. É hora de que o Ministerio asuma a súa responsabilidade", conclúen.