sábado, 17 de enero de 2026

A Xunta pon en marcha un paquete de axudas histórico de máis de 180 M€ para as empresas galegas


Onte a Xunta de Galicia activou, coa publicación no Diario Oficial de Galicia, 13 das principais liñas de axuda do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) previstas para 2026, que suman máis de 180 millóns de euros e configuran un dos maiores paquetes de apoio empresarial anticipados postos en marcha pola Administración autonómica.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, deu conta hoxe da publicación destas axudas nunha visita á conserveira Orbe, en Ponte Caldelas, “absolutamente internacionalizada”, dixo, e cunha importante aposta pola innovación e  comprometida coa responsabilidade social empresarial.


Na visita, Lorenzana explicou que é a segunda vez que a Xunta publica a inicios de ano a maior parte do catálogo de axudas do Igape “para que o empresariado saiba con que vai poder contar e poida organizar os seus investimentos e actividades de forma acompasada con estes acompañamentos”, indicou.


Segundo dixo, entre as primeiras axudas que xa mañá mesmo abren o seu prazo de presentación de solicitudes figuran unha das que é novidade este ano: o programa Industria Innova (30 M€), para apoiar proxectos de investigación industrial nas empresas galegas.


Xunto con esta, mañá tamén estará xa dispoñible outras das liñas de apoio que tivo moi boa acollida o pasado ano e que se reformula, desta vez, para ampliala ao sector industrial. Trátase da liña IA 360, para incentivar o uso desta ferramenta nos procesos industriais e no deseño e comercialización de novos produtos ou servizos (10 M€). Ademais, tamén mañá se abre o prazo de solicitudes para outro dos programas de innovación que é o Igape Innova (4 M€).


Con respecto ao importe, a liña de préstamos directos –aberta a partir do 26 de xaneiro–, é a que leva asociada máis orzamento (62 M€). De feito, o financiamento, segue a ser unha peza clave da acción do Igape. Por outra banda, outra das ordes que dispoñen de maior orzamento é a de atracción de empresas (33,5 M€), que abre o prazo de presentación de solicitudes o 28 de xaneiro.


A todas estas hai que sumar, por exemplo, as axudas a startups (1,5 M€), o Tícket Innova (1 M€), e outras xa consolidadas en internacionalización como o Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,7 M€), o Programa Foexga (2,3 M€) e o Galicia Exporta Empresas (9 M€).