Na web deste prestixioso Foro publicaron esta nota que leo con atención:
“A economía galega “segue a
caracterizarse polo seu maior dinamismo en comparación coa media europea e a
dos países da zona euro”, segundo recolle o Informe de Conxuntura
Socioeconómica correspondente ao terceiro trimestre de 2025 presentado polo
Foro Económico de Galicia.
“Persiste unha
certa ralentización no ritmo de crecemento da actividade económica de Galicia,
pero 2025 foi un bo ano e 2026 seguramente tamén o será”, asegurou o director
do Foro, Santiago Lago Peñas, que presentou o informe xunto a Fernando González
Laxe (coordinador); Lucía Ferreira, xerente do Foro Económico de Galicia;
Patricio Sánchez Fernández, e José Francisco Armesto Pina.
González Laxe
destacou que “o PIB galego medrou no terceiro trimestre un 0,5%, fronte ao 0,6%
de España e o 0,4% da media europea”. En termos interanuais, o PIB medra en
Galicia un 2,2%, seis décimas por debaixo media española (2,8%), e seis por
riba do conxunto da Unión Europea (1,6%).
Laxe explicou que
“Galicia crece pola demanda interna, cun menor aporte da demanda externa”. En
concreto, a demanda interna tivo no terceiro trimestre no 2025 unha achega de
1,9 puntos, fronte ás tres décimas no caso da demanda externa
No que atinxe á
demanda externa, as exportacións increméntanse un 2,1%, cinco décimas por riba
do estimado para as importacións (1,6%). Francia, Portugal e Italia mantéñense
como os principais destinos das vendas galegas ao exterior, ao acoller o 39,8%
do valor total (o mercado europeo concentra o 82,5% das exportacións galegas),
mentres que Portugal e China concentran o 23,3% das importacións.
Dende o punto de
vista da oferta, o informe do Foro Económico de Galicia destaca que “a
construción é o sector de maior crecemento en Galicia, cun 7,6%, fronte ao 3,3%
da industria e o 2,1% do sector servizos, o que contrasta coa contracción do
0,4% experimentada no sector primario”.
“Se queremos
mellorar a nosa productividade e o comportamento xeral da nosa economía,
Galicia necesita máis poboación en idade de traballar e máis poboación en
total, temos un problema demográfico”, recalcaron González Laxe e Lago Peñas,
aportando varios datos significativos: a taxa de envellecemento (persoas de
máis de 65 anos) en Galicia está no 26,6%, polo 21,1% da media europea, mentres
que a taxa de natalidade situase no 5 por 1000 en Galicia, polo 8 por 1000 da
Unión Europea.
Por outra parte,
en 90 concellos galegos “a masa” do que aportan as pensións supera “ao conxunto
das remuneracións que obteñen as persoas que traballan alí”, apuntou Laxe.
Mercado de traballo
José Francisco Armesto
Pina repasou pola súa parte a evolución do mercado de traballo no terceiro
trimestre do 2025, “que a pesar da lixeira ralentización do ritmo de crecemento
da actividade económica, mantén a súa tendencia global positiva”.
En termos
agregados, mellora lixeiramente a participación das persoas no mercado laboral
(taxas de actividade e de emprego), salientando ademais o descenso da taxa de
paro. Asemade, mellora a calidade do emprego atendendo á redución da
temporalidade.
O crecemento da
poboación activa no terceiro trimestre do ano (0,8%) ven explicada polo
comportamento das mulleres, con 19.800 persoas activas máis que no mesmo
período do ano precedente (3,2%), o que contrasta co descenso en 9.600 persoas
no caso dos homes (-1,5%).
Este incremento da
poboación activa prodúcese entre as persoas de nacionalidade estranxeira, cunha
medra interanual do 3,2% (19.800 mulleres máis), permanecendo constante no caso
da poboación española.”
