jueves, 16 de octubre de 2025

Apoio ao proxecto construtivo da futura Estación de Mercadorías Ferroviarias no Polígono de San Cibrao das Viñas

 


Hoxe tivo lugar o Foro Ourense Industrial, organizado pola Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, baixo o título “O futuro do transporte de mercancías en Ourense”.  

Houbo intervencións do presidente da asociación empresarial, José Antonio Rodríguez Araújo; do arquitecto responsable do anteproxecto de construción da estación de mercadorías, Fernando Martínez; do xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Iago Domínguez; da alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; e dos conselleiros de Economía e Presidencia, María Jesús Lorenzana e Diego Calvo.

O presidente da Asociación, José Antonio Rodríguez Araújo, abriu a xornada destacando a importancia estratéxica da Estación de Mercadorías para todo o cinto industrial ourensán, que agrupa máis de 13.000 traballadores e 7,5 millóns de metros cadrados entre San Cibrao, Pereiro, Seixalbo e Barreiros.

O arquitecto Fernando Martínez Lamas presentou o anteproxecto da futura estación, cun investimento estimado de 20,5 millóns de euros e unha superficie total de 129.879 m² (103.560 xa dispoñibles e 26.319 comprometidos pola Xunta), situada xunto á liña ferroviaria Ourense-Zamora. O xerente da Agrupación industrial dá Función Loxística de Galicia, Iago Domínguez Álvarez, explicou que a actual estación só move o 10% do total provincial, e que a nova infraestrutura permitirá multiplicar a capacidade loxística de Ourense e atraer investimento industrial. O foro finalizou cunha declaración conxunta de colaboración para trasladar ao Goberno central unha proposta consensuada que garanta a construción da nova Estación de Mercadorías Ferroviarias de Ourense, consolidando a provincia como un referente loxístico e empresarial en Galicia.

O presidente da Deputación, Luis Menor, anunciou que a Deputación apoiará economicamente a redacción do proxecto construtivo da futura Estación de Mercadorías Ferroviarias, ratificando así o compromiso de que a Deputación de Ourense “vai estar ao carón dos empresarios do polígono de San Cibrao de da súa demanda, que é de todos”. Menor recalca que o Foro acada dous compromisos firmes e concretos: “o da financiación do proxecto por parte da Deputación e o dos terreos por parte da Xunta”, agradecendo e  lembrando así o anuncio realizado pola conselleira María Jesús Lorenzana, no que manifestou a vontade da Xunta de modificar e ampliar a Cidade do Transporte para incorporar os 26.000 metros cadrados precisos para que a estación de mercadorías sexa viable. 

Argumentou o presidente provincial que este proxecto conta cunha “ampla visión”, agradecendo á Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao “por crer no proxecto e implicar a cada vez máis persoas e organismos neste obxectivo que é de todos”. pois permitiría converter Ourense nun nodo de innovación e competitividade, capaz de atraer investimento industrial, impulsar o tecido produtivo local e ofrecer oportunidades reais de creación e consolidación de emprego. “A provincia ten talento, ten localización, ten potencial. O que necesita é unha infraestrutura moderna que conecte ese potencial co mundo”, explicou Menor, proclamando que “todos temos claro que coa estación de mercadorías, daríamos ese paso”.

Tamén quixo deixar claro o presidente da Deputación que “Ourense non se resigna a ser un territorio de paso. Ourense é un territorio de destino”, e por elo defendeu a necesidade de intensificar a cooperación institucional ante este obxectivo, necesaria e imprescindible para acadalo, “e esto non quedará aquí

Esforzarémonos en convencer a quen non cre neste proxecto, porque estamos a loitar polo que merecemos como territorio”. 

Na súa intervención, Diego Calvo destacou o transporte ferroviario de mercadorías como unha oportunidade, ao tempo que incidiu na necesidade de que o Goberno central invirta en mellorar os servizos e as infraestruturas para que sexan competitivos. Así, a Xunta avoga por apostar por trens longos e locomotoras con maior capacidade de arrastre, ademais de impulsar as autoestradas ferroviarias e as terminais.

Pese a que se trata dunha competencia estatal, a Xunta colabora co Cluster da Función Loxística de Galicia no fomento do transporte ferroviario de mercadorías a través do Corredor Atlántico e, por iso, a Dirección Xeral de Mobilidade conta cun novo servizo de loxística e instalacións ferroviarias e aeronáuticas para impulsar o papel da comunidade nestes sectores.

Diego Calvo referiuse tamén ao carácter estratéxico do Corredor Atlántico para incrementar as capacidades loxísticas e a competitividade de Galicia no transporte de mercadorías. Nesta liña, lembrou que o Goberno galego segue sen ter concrecións do seu Plan Director e que a comunidade segue sumando retrasos nas infraestruturas pendentes e incidencias nos servizos ferroviarios. No caso dos incumprimentos do Executivo estatal coa provincia ourensá mencionou a necesidade de axilizar a modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte-Lugo, avanzar na da liña Vigo obras como a modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte-Lugo, a liña Vigo-Redondela-Guillarei-Ourense polo Miño ou a que une Ourense e Zamora, todas elas esenciais para a conexión ferroviaria de Galicia.

Unha infraestrutura moi necesaria

Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana destacou que Ourense é unha das provincias con máis solo industrial en tramitación, tres millóns de metros cadrados, porque “é necesario” e, ademais, trátase dunha provincia “con futuro industrial”.

Neste contexto, ratificou o compromiso da Xunta co proxecto da estación de mercadorías ferroviarias de San Cibrao das Viñas e avanzou que o Goberno galego “vai proceder a modificar” o proxecto sectorial da Cidade do Transporte para ampliar a superficie e poder incorporar, así, os metros cadrados necesarios para a construción desta infraestrutura (preto de 26.000 m²).

Nesta liña, a Xunta apoia a esixencia da asociación de empresarios ao Goberno central de redactar un estudo de viabilidade para a construción desta terminal, susceptible de ser incluída no Corredor Atlántico de mercadorías, e para o que se precisa que o Executivo estatal acceda á súa licitación.