martes, 16 de septiembre de 2025

Rueda lembra que “é un momento estratéxico e oportuno para a liberación da AP-9” e reivindica ao Goberno central que o faga “canto antes”

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro con representantes da Asociación Empresarial de Transportes de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), aos que trasladou o compromiso do Goberno autonómico con este “sector estratéxico” para facilitar a remuda xeracional e garantir unhas infraestruturas seguras.

Rueda puxo en valor a renovación experimentada pola asociación -que representa a máis de 1.100 pequenas e medias empresas e autónomos do sector-  nos últimos anos e recoñeceu o seu compromiso coa igualdade, sendo merecedora do Premio Matilde Ucelay en 2022 polo seu labor en prol da incorporación das mulleres á loxística e ao transporte, un eido historicamente masculinizado. 

O presidente fixo referencia ao principal desafío que enfronta o transporte de mercadorías en Galicia: a falla de condutores profesionais. “É o maior problema, a maior demanda e a maior urxencia do sector”, indicou. Nesta liña, lembrou que a Xunta vén de “solicitar que se nos transfira, como noutras comunidades, a capacidade para autorizar permisos de traballo a estranxeiros” co obxectivo de axilizar este tipo de trámites. 

Estímase que existe un déficit de entre 1.500 e 3.000 traballadores no sector do transporte de mercadorías por estrada, cun cadro de persoal envellecido e con barreiras de acceso derivadas do alto custo da formación. Neste senso, a Xunta puxo en marcha este ano un programa específico de 1 millón de euros que permite subvencionar ata 3.900 euros por alumno nos cursos obrigatorios de cualificación profesional (CAP) e permisos de condución profesional. 

Ademais, o Goberno galego está a impulsar distintas medidas formativas co obxecto de atender as necesidades tanto do tecido produtivo como das persoas traballadoras, como o novo decreto de microcredenciais en tramitación, as unidades formativas en empresas dotadas con 8 millóns de euros, os Bonos Talento Empresa con 2 millóns, ademais das axudas para a formación de traballadores ocupados (4 millóns) e de persoas desempregadas (50 millóns). 

Melloras na rede viaria autonómica e liberación da AP-9

No eido das infraestruturas e a seguridade viaria, Rueda subliñou o traballo da Xunta para desenvolver unha rede pioneira en España de Áreas de Estacionamento Seguro con 1.500 prazas. Ademais, resaltou a importancia de mellorar a seguridade nas vías de comunicación. Nesta liña, lembrou as melloras “na autovía á Estrada, na de Nadela-Sarria ou o desdobramento da autovía a Noia” así como a recente liberación de catro autoestradas con peaxes en sombra. 

Rueda aproveitou a súa intervención para reiterar a petición da Xunta ao Goberno central de facer efectiva “a liberación da AP-9”. “Agora, segundo as resolucións que acabamos de coñecer, é un momento estratéxico, oportuno e é perfectamente factible esta liberación que reivindican todos os galegos e que Galicia merece”, indicou. 

O presidente urxiu ao Executivo estatal a rescatar a concesión desta autoestrada “canto antes” para evitar que aumenten os custes deste proceso. Nesta liña, a Xunta elaborou un estudo no que eleva a 2.356 millóns de euros o actual custo do rescate, que se ten incrementado desde os 2.331 millóns nos que o Goberno autonómico avaliara esta medida no 2024.