miércoles, 3 de septiembre de 2025

Rueda advirte en Santander do risco da centralización excesiva e chama a unha xestión plural dos fondos europeos para responder ás necesidades reais da cidadanía

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe en Santander o papel das rexións na construción europea e a contribución de Galicia á cohesión da UE.

O titular do Goberno galego participou na inauguración do curso “De la Idea a la Acción: los 30 años del Comité de las Regiones y la Evolución de la Política de Cohesión” da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), organizado co apoio do Goberno de Cantabria.

Coincidindo co 30º aniversario do nacemento do Comité Europeo das Rexións e cos 40 anos da adhesión de España e Portugal á UE, o presidente reiterou, como coordinador da delegación española no Comité das Rexións, a importancia e utilidade deste órgano para achegar Europa aos territorios, “unha voz máis necesaria que nunca”, lembrando que as administracións locais e autonómicas xestionan boa parte do investimento e aplican a maior parte da lexislación comunitaria.

Neste sentido, Santiago de Compostela acollerá o próximo 21 de outubro a reunión da delegación española, centrada no debate sobre o novo Marco Financeiro Plurianual 2027-2034.

Rueda advertiu de que, nun momento no que Europa enfróntase a “retos enormes” e ten que “reinventarse”, a xestión descentralizada dos fondos é esencial para responder ás necesidades reais da cidadanía, evitando retrocesos cara modelos centralizados que demostraron as súas limitacións, sen ter en conta ás rexións, máis “nun país como España, moi descentralizado”.

O presidente puxo como exemplo o baixo grao de execución de parte dos fondos MRR en España, “que se executaron dun xeito centralizado podendo facerse doutra maneira”.

Ademais, o titular do Executivo galego incidiu na necesidade dun novo modelo de financiamento autonómico negociado entre todas as comunidades que teña en conta as particularidades de cada territorio e permita garantir a calidade dos servizos públicos, rexeitando unha mutualización da débeda sen financiamento aparellado.

En canto aos fondos de cohesión, Galicia recibiu máis de 30.000 millóns de euros desde 1986, que se traduciron en estradas, ferrocarril, universidades, hospitais, centros de investigación, portos, parques empresariais ou proxectos de innovación. Nesta liña, Rueda afirmou que as políticas de cohesión “seguen sendo necesarias” e que deben seguir estando no corazón do proxecto europeo, xa que garante que ningunha rexión quede atrás e que a prosperidade sexa compartida. Retiralos sería, en palabras do presidente, un erro.

O titular do Goberno galego puxo como exemplo de éxito a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que pasou de ser unha fronteira a converterse nun espazo de cooperación consolidado en ámbitos como a innovación, o investimento ou proxectos estratéxicos compartidos, demostrado durante a recente vaga de lumes que afectou especialmente á provincia de Ourense.