Celebro a nova de que a Xunta veña de iniciar os traballos de limpeza de vexetación na Ponte Vella de Ourense.
Trátase de actuacións de mantemento nos paramentos e tallamares da ponte, que inclúen a retirada manual da vexetación e maleza que existe nos paramentos de cantería, así como da limpeza das xuntas coa eliminación da terra e raíces.
Os traballos lévanse a cabo de xeito vertical e sen realizar perforacións, empregando ferramentas e medios manuais e sen afeccións á ponte nin ao río Miño.
Estas intervencións complementarán ás de mellora que se veñen de executar na súa contorna, como a nova escaleira conformada de baixada ao paseo do Miño no lado norte.
Os traballos súmanse tamén á pavimentación do entronque da ponte coa avenida das Caldas, cuxas obras de humanización están xa rematadas, e ás actuacións de posta en valor e mellora da iluminación executadas nos anos anteriores na ponte e na zona da capela dos Remedios.