lunes, 8 de septiembre de 2025

O Consello da Xunta aprobou o proxecto da primeira Lei do clima de Galicia, co fin de acadar a neutralidade climáticano horizonte do ano 2040, é dicir, unha década antes do prazo fixado pola UE

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o proxecto da que será a primeira Lei do clima de Galicia, unha norma que se marca como reto principal dotar a comunidade das ferramentas, órganos e instrumentos necesarios para garantir a consecución “da neutralidade climática —o equilibrio entre as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e as absorcións— no horizonte do ano 2040”, é dicir, unha década antes do prazo fixado pola UE.

A lei introduce o clima como eixo transversal das políticas públicas galegas e fíxase o obxectivo de reducir nun 75 % as emisións contaminantes en 2030

― Galicia será a primeira comunidade en fixar por lei o reto da neutralidade climática

 ― A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asegura que esta norma permitirá "unha transición ecolóxica xusta, sostible e xeradora de emprego verde”

― Os plans e programas sectoriais autonómicos sometidos a avaliación ambiental estratéxica deberán avaliar o impacto no clima e incluír medidas de compensación

― Promoveranse as accións para preparar o territorio e protexer a cidadanía dos riscos ligados ao quecemento global como, por exemplo, a creación de refuxios climáticos

― Por primeira vez regularase en Galicia a contratación pública verde, que integrará de forma progresiva criterios climáticos nos contratos do sector público autonómico

― Tamén se promoverán medidas fiscais que incentiven o sector privado a contribuír a conseguir os obxectivos de mitigación e adaptación da comunidade 

― Reforzaranse as redes autonómicas de meteoroloxía e de calidade do aire para poder dispoñer de máis datos e mellorar a capacidade de previsión