Visito esta mañá os concellos de Chandrexa de Queixa e de Manzaneda, con obxectivo de ver os danos causados polos incendios que comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita.
O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que continúa activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 158 axentes, 203 brigadas, 113 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 32 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
En Chandrexa contactei con alcalde Francisco Rodríguez no punto habilitado para recoller e distribuír alimentación para o gando nunha explotación gandeira afectada polos lumes. Explicoume que máis do 70 % do seu concello resultou afectado e que fixeron un enorme esforzo para que as lapas non chegaran as viviendas. E apuntou a incendiarios a orixe dos lumes.
Alí tamén coñecín de primeira man a situación na que se atopan algunhas explotacións neste contexto de emerxencia.
O alcalde informoume de que moitos gandeiros quedaron sen pastos cos que alimentar ao seu gando e sen provisións de alimentación por culpa do lume.
E por eso con finalidade de axudar a este sector estratéxico a Xunta leva garantindo desde o sábado 16 o alimento para os animais de todas as explotacións gandeiras afectadas, tamén asumindo todos os custos derivados da medida.
Cúmprese o compromiso do presidente da Xunta, Alfonso Rueda e da conselleira do Medio Rural, María José Gómez de que a Xunta proveerá alimentación para o gando a todas as explotacións gandeiras afectadas polos lumes.
MANZANEDA
Despois continúe viaxe ata o veciño concello de Manzaneda subindo á estación de montaña onde unha moi boa parte da súa contorna resultou calcinado. Afortunadamente as instalacións principais, da estación quedaron fóra do alcance directo das chamas. Sinalar que ambos os concellos de Chandrexa de Queixa e Manzaneda xa remitiron escritos á Subdelegación do Goberno en Galicia e á Consellería do Medio Rural para reclamar medidas tras os incendios forestais que afectaron os seus territorios. Aínda que non se rexistraron vítimas nin resultaron danadas vivendas, si houbo afección en infraestruturas e servizos públicos e privados, polo que piden a declaración oficial de zona catastrófica e a concesión de axudas que permitan a súa reposición.
