viernes, 22 de agosto de 2025

Paula Prado: “ Galicia merece unidade e responsabilidade, non aproveitamento electoral en plena crise dos incendios”


Esta mañá fixo estas
declaracións a secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, sobre a actualidade dos incendios en Galicia.

Nestes días tan duros que estamos a vivir en Galicia, a prioridade absoluta do Goberno da Xunta foi e segue sendo conter os lumes canto antes e, sobre todo, evitar ter que lamentar consecuencias persoais. 

Por iso, tanto o presidente Alfonso Rueda como desde o PPdeG procuramos en todo momento evitar calquera tipo de enfrontamento político. Eu mesma pedín responsabilidade e unidade, porque todos os cargos do PPdeG estiveron —e seguen a estar— ao servizo da emerxencia, colaborando onde fixera falta, convencidos de que este era o momento de remar todos xuntos. Mentres os servizos de emerxencia e milleiros de persoas loitan contra o lume, o mínimo que lles debemos é respecto e apoio, non utilizar esta traxedia para facer política partidista.

Por iso resulta incomprensible —aínda que non nos sorprende— a actitude do BNG: a pesar de que Ana Pontón asegurou ao principio desta semana que a prioridade debía ser apagar o lume canto antes, o BNG optou por promover, apoiar e impulsar manifestacións mentres o país seguía ardendo. É dicir, os de sempre decidiron facer o de sempre cada vez que hai que solucionar un problema: manifestación e alboroto.

Do mesmo xeito, Yolanda Díaz, vicepresidenta do Goberno, galega e presente en Galicia durante as súas vacacións, decidiu interrompelas non para apoiar a labor dos equipos de extinción nin para ofrecer máis axuda, senón para participar na protesta e lanzar bulos.

Galicia merece unidade e responsabilidade, non aproveitamento electoral en plena crise. Agora é o momento de traballar todos xuntos para frear os incendios e atender as familias afectadas. Haberá tempo para o debate político, pero lamentamos profundamente a manipulación, a terxiversación e a utilización partidista dunha catástrofe.

Nós estamos dedicados ao que verdadeiramente importa: a loita contra o lume e a preparación das axudas, como xa está a facer a Xunta, e non a convocar manifestacións co monte aínda ardendo. Iso é o que marca a diferenza entre uns e outros.”