Rueda expresou o seu desexo de que, trala reunión celebrada, todas as peticións formuladas pola Xunta se materialicen con urxencia. “É unha petición lóxica e espero que sexa atendida coa maior brevidade”, manifestou.
O presidente fixo balance da situación actual, na que Galicia rexistra doce incendios activos, todos eles na provincia de Ourense. Así mesmo, detallou os medios despregados na loita contra o lume:
- Máis de 3.000 profesionais do Servizo de prevención e defensa de incendios forestais
- Máis de 200 bombeiros de diferentes parques
- 343 profesionais de brigadas municipais de extinción
- 380 motobombas
- 36 buldózers
- 10 patrullas de vixilancia
- 32 medios aéreos
- UME e efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado
Axilidade e celeridade nas axudas
Outro dos asuntos tratados na reunión foi a posta en marcha de axudas específicas para as persoas afectadas polos incendios. Rueda informou de que mañá se celebrará unha reunión técnica na Xunta de Galicia co obxectivo de que as ordes de axudas poidan ser aprobadas no primeiro Consello. “O máis importante é que esas axudas sexan doadas e rápidas de xestionar para os damnificados”, explicou.
Nese sentido, solicitoulle tamén ao presidente do Goberno “esa mesma celeridade” para que as axudas estatais cheguen canto antes ás familias e sectores afectados.
Finalmente, Rueda volveu insistir na importancia de contar de inmediato co material e persoal solicitado, incluída a presenza do Exército. “Esperamos unha axuda que ten que chegar de forma urxente, para esta mesma tarde se é posible”, concluíu.