Hoxe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, garante celeridade na aplicación das axudas para paliar os danos provocados polos lumes que se aprobarán en Consello a semana que vén.
Durante a súa visita á aldea de A Caridade, no concello de Monterrei, afectada polos lumes, o titular do Executivo galego sinalou que “hai que intentar que as cousas volvan a como estaban antes do incendio” e que así sexa “canto antes”. Neste sentido, Rueda destacou que á vez que se traballa para apagar os lumes que afectan especialmente á provincia de Ourense, “xa hai xente traballando para empezar a avaliar os danos”.
Tal e como lembrou o presidente, a vindeira semana o Goberno galego convocará un Consello extraordinario en Ourense para aprobar a configuración do paquete de axudas dirixidos aos afectados co fin de paliar os danos sufridos. Segundo avanzou, a súa aplicación será coa maior celeridade posible, en coordinación cos concellos e para a que se habilitará un teléfono de información para a cidadanía.
Neste senso, estes apoios tamén se estenderán entre outros a explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras; titulares de tecores; establecementos comerciais, industriais, turísticos ou deportivos; infraestruturas e para o arranxo das vivendas, ademais de axudar co aloxamento provisional ás persoas afectadas.