Informa hoxe a Conselleria do medio Rural que permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia de Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia.
Estos son os incendios activos:
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
Os incendios no concello de Chandrexa de Queixa comezaron o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 154 axentes, 188 brigadas, 113 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 30 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 140 axentes, 182 brigadas, 117 motobombas, 4 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 33 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes 12 está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 técnicos, 45 axentes, 55 brigadas, 48 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores 13 está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 47 técnicos, 203 axentes, 258 brigadas, 208 motobombas, 11 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio (anteriormente A Veiga-A Ponte)
Desde as 18.42 horas de luns está activo un lume no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio (anteriormente denominado A Veiga-A Ponte), que segundo as últimas estimacións provisionais afecta 2.600 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 axentes, 31 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 técnico, 4 avións e 8 helicópteros.