O Consello da Xunta acordou onte solicitar formalmente un informe á Comisión Galega da Competencia, adscrita ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, para analizar se a política da empresa Renfe Viaxeiros de limitar a venda anticipada de billetes ferroviarios en Galicia podería constituír un abuso de dominio derivado da súa posición de monopolio.
O obxectivo é avaliar
as medidas necesarias para protexer os dereitos das persoas usuarias e garantir
o cumprimento dos principios de igualdade, eficiencia e competencia no acceso
dos galegos e galegas ao transporte por ferrocarril.
Tal e como se vén
reiterando desde o Executivo galego, e segundo as denuncias trasladadas tamén
polos propios usuarios, en Galicia a compra anticipada de billetes vese
limitada a prazos moi reducidos —entre dous e tres meses—, algo que non se
produce noutras comunidades autónomas de España. Esta restrición non só impide
aos usuarios e usuarias beneficiarse de descontos ou mellores condicións
—podendo planificar con tempo as súas viaxes— senón que tamén impacta
negativamente en sectores que operan en mercados conexos —como as que prestan
servizos de organización de viaxes—, sen que Renfe teña xustificado as razóns
destas condicións especialmente prexudiciais para o territorio galego.
Garante da
competencia e dos dereitos dos consumidores A Xunta defende un transporte
ferroviario á altura das necesidades de Galicia e pon de manifesto que a
posición de monopolio de Renfe non lle exime da obriga de competir para
garantir un mercado no que os prezos e a calidade na prestación dos servizos
sexan os máis eficientes posibles, xa que como sinala a sentenza do Tribunal de
Xustiza da Unión Europea do 13 de febreiro de 1979 existe un elemento de
“responsabilidade especial” por parte das empresas dominantes consistente en
“non impedir, co seu comportamento o desenvolvemento dunha competencia efectiva
e non falseada no mercado”.
Neste contexto, o
Goberno autonómico considera que esta práctica podería carecer de xustificación
económica obxectiva e supoñer unha discriminación arbitraria que prexudica
especificamente a Galicia. Así, e ao abeiro do artigo 2 da Lei 15/2007, de
Defensa da Competencia, podería configurarse como unha conduta abusiva derivada
dunha posición de dominio que lle permite operar con independencia respecto dos
seus clientes e dos consumidores.
Avaliación das
posibles prácticas abusivas
Coa medida aprobada
hoxe no Consello da Xunta, o Goberno galego busca velar e protexer os intereses
dos usuarios e usuarias do servizo ferroviario en Galicia, solicitando á
Comisión Galega da Competencia, no marco das súas funcións neste ámbito, que
emita un informe para analizar tres aspectos fundamentais.
Por unha banda, se a
restrición á venda anticipada de billetes de transporte ferroviario por parte
de Renfe Viaxeiros aos usuarios galegos pode constituír un abuso de posición de
dominio, dado o seu monopolio no transporte de pasaxeiros por ferrocarril en
Galicia e, pola outra, se dita conduta pode cualificarse de abusiva ao abeiro
do artigo 2 da Lei de Defensa da Competencia, ao carecer de xustificación
económica obxectiva e representar un comportamento que a empresa non adoptaría
nun contexto de competencia efectiva.
En terceiro lugar, no
informe solicitado tamén se analizarán as posibles medidas a adoptar por parte
da Comisión Galega da Competencia á vista das conclusións extraídas, co
obxectivo de garantir os dereitos dos consumidores galegos e restaurar as
condicións de competencia no mercado. O Goberno galego insiste na necesidade de
que Galicia conte cun servizo ferroviario moderno, áxil e eficiente, acorde
coas necesidades da súa cidadanía e coas mesmas garantías que no resto do
Estado