Asisto esta tarde á comparecencia no Congreso dos Deputados ante a subcomisión sobre o estudo dun pacto de Estado para a erradicación da pobreza infantil da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.
Na súa intervención, puxo en valor a situación de Galicia, que se consolida como unha das comunidades con menores índices de desigualdade, e apostou por esixir o compromiso firme de todas as administracións para garantir “unha infancia digna, equitativa e con oportunidades reais”.
Fabiola García
destacou que a comunidade galega “pode e debe ser parte activa na construción
dun país máis xusto para a infancia” e lembrou que, segundo os datos do
Instituto Nacional de Estatística, Galicia é a comunidade que máis reduciu en
2024 a taxa Arope, que mide o risco de pobreza e exclusión social. Actualmente,
a taxa situase no 18,8%, a máis baixa da que se teñen datos e sete puntos por
debaixo da media nacional.
No caso concreto da
pobreza infantil, os datos da estatística da Plataforma da Infancia revelan que
Galicia foi en 2024 a comunidade coa menor taxa de pobreza infantil de toda
España. En doce meses, a comunidade galega reduciu esta taxa en 10 puntos, ata
quedar no 16%, moi por debaixo da media estatal, que se sitúa no 34,1%.
Ademais, a estatística tamén pon de manifesto que Galicia é única comunidade
que ten alcanzado o obxectivo marcado polos Obxectivos de Desenvolvemento
Sostible (ODS) relativos á pobreza infantil, cunha diferencia positiva de 4,2
puntos.
En relación a estes
datos, a conselleira esixiu ao Goberno central “un compromiso real” que permita
garantir a sostibilidade dos servizos sociais que dependen das comunidades e un
financiamento “acorde coas necesidades reais que temos”.
Na súa intervención,
a conselleira puxo en valor o papel que xoga Galicia na erradicación da pobreza
infantil, un eido no que o Goberno galego puxo en marcha nos últimos anos
medidas pioneiras que están dando resultados. Nesta liña, detallou un conxunto de
políticas públicas que están orientadas á protección social, ao reforzo dos
servizos comunitarios e que implican investimento en igualdade de
oportunidades. Concretamente, medidas centradas na infancia, na educación e no
apoio ás familias.
A gratuidade das
escolas infantís
Fabiola García
incidiu en que “investir en infancia é investir en futuro” e destacou a aposta
de Galicia pola gratuidade das escolas infantís, unha medida pioneira en España
e que supón un investimento de 65M€ ao ano de fondos propios. Actualmente,
Galicia é a comunidade que ofrece a gratuidade con máis amplitude, ao estar
implantada en máis de 550 escolas infantís, con máis de 32.000 prazas
gratuítas, durante 8 horas ao día e 11 meses ao ano. Esta medida permite que
Galicia conte cunha taxa de escolarización nesta etapa do 60,6%, trece puntos
por riba da media estatal e sexa líder en escolarización por segundo ano
consecutivo, superando os obxectivos que marcha a Unión Europea para 2030 e a
niveis de países europeos como Suecia ou Dinamarca.
Entre outras medidas
do Goberno galego, a conselleira destaca a rede de atención temperá coa que
conta Galicia, totalmente gratuíta para as familias con nenos con problemas no
desenvolvemento e que dá servizo a 200 municipios. Ademais, puxo en valor o investimento
anual de máis de 130M€ en varías liñas de actuación de garantía infantil: como
rede de Casas Niño no rural, cun centenar de unidades de atención, a Tarxeta
Benvida, cunha dotación directa de 32M€, ou Bono Concilia Familia, con 15.000
beneficiarios o ano pasado.
Fabiola García tamén
lembrou o reforzo impulsado no sistema de protección de menores, conseguindo
que o modelo de Galicia destaque polo seu carácter integrador. Neste eido,
tamén destacou o apoio da Xunta ao acollemento familiar, co incremento este
mesmo mes de maio das axudas a familias acolledoras.
Por último, a
conselleira detallou que todas estas medidas van acompañadas dun investimento
doutros 131M€ destinados á inclusión social e co obxectivo para apoiar aos
fogares máis vulnerables, en especial aos que teñen menores a cargo.