lunes, 19 de mayo de 2025

José Manuel Rey Varela e Paula Prado serán os representantes de Galicia na Comisión Organizadora do Congreso Nacional do PP

 


Asisto esta mañá á reunión da Xunta Directiva Nacional na que o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo,
  anunciou que o senador e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, serán os representantes de Galicia na Comisión Organizadora do Congreso Nacional do Partido Popular que se celebrará en Madrid no mes de xuño.

Unha reunión á que tamén asistiu o líder dos populares galegos, Alfonso Rueda, e na que se aprobou a composición deste órgano.

 Galicia convértese así, xunto coa Comunidade de Madrid, na comunidade autónoma con maior presencia nesta Comisión Organizadora na que José Manuel Rey Varela será o secretario  –o terceiro cargo con maior relevancia– e Paula Prado, pola súa banda, exercerá como vogal.

Na súa intervención, o presidente Feijóo quixo agradecer aos actuais membros da Xunta Directiva os logros electorais acadados neste tempo e entre os que destacou a consecución da primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda nas eleccións autonómicas do pasado ano.

Sobre a designación do alcalde de Ferrol e senador, o líderes dos populares recoñeceu que coñece ben a traxectoria de Rey Varela e asegurou que “é unha das persoas que máis traballou veciño a veciño cada un dos seus éxitos e así o avalan as súas maiorías absolutas”.