Hoxe o presidente autonómico, Alfonso Rueda, anunciou a aprobación por parte do Consello da Xunta do Plan director da automoción para o período 2025-2027, que “estará dotado de 230 millóns de euros” para impulsar un sector “que está a vivir a súa propia revolución industrial coa chegada do vehículo eléctrico”. Esta industria foi declarada estratéxica xunto coa metalmecánica, a naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC, a loxística industrial, a industria da alimentación, o sector téxtil e confección e a industria da construción.
O Plan director da automoción é o resultado dun
proceso participativo e colaborativo de interlocución con todo o sector, que
busca promover a transformación tecnolóxica e dixital, mellorar a capacitación
dos profesionais e fomentar a colaboración entre empresas, centros de
investigación e administracións públicas, co fin de acompañar o sector no seu
proceso de transición e fortalecer a súa competitividade futura. Desprégase en
torno a dous obxectivos estratéxicos, cinco eixes e sete ámbitos de prioridades
con 67 medidas que se desenvolverán ata o ano 2027 de apoio ao sector da
automoción por parte das distintas consellerías da Xunta de Galicia.
Tal e como sinalou a conselleira de Economía e
Industria, María Jesús Lorenzana, ao longo da execución desta folla de ruta
irase “traballando arreo para ir adaptando as medidas ás novas variantes que se
vaian producindo”, tanto no propio sector como no contexto nacional e
internacional.
Lorenzana, que sinalou que a automoción galega está
“nun momento de transformación absoluta” e nun “punto de inflexión” debido ao
proceso de electrificación e descarbonización, apuntou que o apoio da
Administración autonómica chega a toda a cadea de valor do sector, desde a
industria de compoñentes, a través do Plan director, ata a comercialización,
coa activación de diferentes medidas.
Co fin de garantir unha correcta execución do
plan, a Administración galega implantará un sistema de gobernanza para asegurar
a correcta execución e seguimento do plan, garantindo a coordinación e a
participación activa das diferentes entidades responsables e dos axentes
económicos e sociais. Deste xeito, está prevista a posta en marcha dunha
Comisión Sectorial da Automoción, na cal estarán representados os diferentes
axentes do sector e se constituirán grupos de traballo en que participarán os
diferentes departamentos autonómicos que tomaron parte na elaboración do plan.
O obxectivo é implementar un sistema de control e análise continua do impacto
das medidas no sector.
Un sector estratéxico para Galicia
A automoción en Galicia representa un dos sectores
máis dinámicos e fundamentais para a economía galega, xa que, tal e como
subliñou Rueda, conta con “máis de 200 empresas e 25.000 persoas que dependen
directamente do sector”. Desde a súa orixe, este sector foi un motor de
desenvolvemento económico e tecnolóxico na Comunidade, que xera un impacto
significativo no emprego e na competitividade da industria.
Na actualidade, a Administración galega ten activada
unha liña de apoios por importe de case 60 millóns de euros con que o Goberno
galego busca dar continuidade ao programa iniciado no ano 2024 e que contou con
22 millóns de euros, para reforzar a cooperación co sector no seu
tránsito cara á modernización e á sustentabilidade, e reafirmar o seu
compromiso cunha industria clave para a economía galega.
Este novo programa de apoios impulsado desde o Igape
estrutúrase arredor de tres grandes eixes. O primeiro atende á transición ao
ecosistema de mobilidade eléctrica e conectada, co obxectivo de facilitar aos
provedores locais a adaptación cara á produción de compoñentes relacionados coa
nova mobilidade verde e conectada, impulsando a súa competitividade no mercado
internacional.
O segundo eixe céntrase na descarbonización dos
procesos produtivos e loxísticos. Neste sentido, o plan prevé investimentos
destinados a transformar as operacións industriais e loxísticas, reducindo a
súa pegada ambiental e incrementando a eficiencia dos procesos.
O terceiro atende á adopción de modelos de green
factory, na procura de facilitar a transformación integral das plantas
industriais galegas para lograr a neutralidade climática, apostando por
tecnoloxías innovadoras e sustentables.
Así, o Goberno galego destinará máis de 234 millóns de euros ao sector da automoción no período 2024-2027 no marco do plan director e do programa extraordinario de axudas dirixidas a esta industria, para acompañalo no proceso de transición á mobilidade eléctrica.
En sintonía coa Unión Europea
Tal e como explicou María Jesús Lorenzana, a
importancia de fortalecer un sector estratéxico como o da automoción a través
de medidas como a aprobada hoxe no Consello da Xunta é unha das demandas que a
Administración galega vén reclamando desde hai tempo tanto a nivel nacional
como internacional. A última, a pasada semana coincidindo coa presentación do
plan de actuación que a Comisión Europea anunciou para o sector da automoción e
que o Goberno galego valorou de xeito positivo.
Neste contexto,
a Xunta reclamou en Bruxelas, como antes o fixera en Monza, na III Conferencia anual
da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción (ARA) e, hai apenas
unhas semanas, nun encontro co comisario de Mobilidade Sustentable e Turismo da
Comisión Europea, Apostolos Tzitzikostas, unha actuación firme e decidida
sobre catro ámbitos que son clave para o sector: o primeiro, o normativo, ao
considerar indispensable que se flexibilicen os regulamentos de emisións; tamén
que se dean prazos máis amplos, como se vén de anunciar, así como que se
revisen as sancións impostas ás empresas, e cambios na normativa comunitaria
para ampliar o acceso ás axudas a toda a cadea de valor e máis simplificación
administrativa.