Para a Xunta de Galicia, a solución non pasa por que o Goberno galego financie voos, senón pola coordinación de forma conxunta e a planificación eficiente de rutas.
Ademais, salientou que a Xunta está a desenvolver o plan de promoción turística, no que inviste máis de 13 millóns de euros, para incentivar o destino galego e atraer máis visitantes á comunidade. Precisamente, este documento estratéxico de Turismo de Galicia prevé promocionar os tres aeroportos galegos en feiras, encontros e outras accións de promoción que leve a cabo durante este 2025.
A Xunta confía seguir así atraendo a máis turistas a Galicia e lembrou que o pasado ano o destino galego recibiu a visita de 8,2 millóns de turistas, dos cales o 30% era de orixe estranxeira, acadando así máximos históricos.
Ao número de turistas que se aloxaron en Galicia hai que sumar os case medio millón de peregrinos que fixeron o Camiño de Santiago. Precisamente, o 58% procedían do estranxeiro, case tres puntos máis que en 2023. Neste sentido recordaron que a solución non pasa por que a Xunta de Galicia financie voos, senón pola coordinación de forma conxunta e a planificación de rutas.
Diego Calvo amosou tamén a preocupación da Xunta sobre a falta de recuperación das frecuencias dos voos desde os tres aeroportos galegos, sobre todo a destinos nacionais, a niveis de antes da pandemia da covid. Ademais, solicita a AENA que faga unha reflexión ante o incremento de prezos que dificulta o acceso ás viaxes en avión á cidadanía galega.
No encontro de hoxe tamén se abordaron as obras da pista de aterraxe do aeroporto de Santiago de Compostela que obrigarán ao peche da terminal durante cinco semanas, asunto no que o conselleiro de Presidencia trasladou a disposición da Xunta para organizar e reforzar as liñas de transporte interurbano de autobús coas cidades da Coruña e Vigo unha vez se coñezan os voos que se van implantar nesas urbes durante esas semanas de peche do aeródromo compostelán.
Por outra parte, na reunión informouse do proxecto de torre de control dixital do aeroporto de Vigo, do que a Xunta advirte que se teña en conta o posible prexuízo aos controladores e ao propio funcionamento da terminal viguesa.