sábado, 1 de marzo de 2025

A loita dos veciños de San Estevo do Sil- secundada polo PP - consegue que ADIF dera un primeiro paso e abrira unha porta no peche que os illaba, máis aínda segue pendente como habilitar o cruzamento das vías


A porta aberta esta semana

Esta semana os veciños de Santo Estevo do Sil atopáronse coa sorpresa de que lles abrían un paso a través do novo peche das vías, suponse que por parte de persoal encargado por ADIF. Unha actuación realizada sen avisar e tampouco sen unha explicación posterior, pero que responde, sen ningunha dúbida, ás xustas e reiteradas demandas dos veciños e tamén do Partido Popular.

Lembro que o pasado 28 de novembro de 2024 os deputados lucenses Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades e o deputado ourensán Celso Delgado, pertencentes ao Grupo Parlamentario Popular no Congreso rexistramos tres preguntas dirixidas ao Goberno:

¿Procederá ADIF a facilitar o acceso peonil dos veciños de San Estevo do Sil que viron como se suprimiu o paso habilitado para cruzar as vías que estaba autorizado e sinalizado na estación, e aos que non se proporcionou unha alternativa para chegar ás súas casas e propiedades?

¿Cal é a causa do trato discriminatorio que ADIF dispensou aos veciños de San Estevo de Sil, ao non construír á altura da estación un paso peonil inferior baixo as vías da liña 810, cando se o acaba de construír na veciña estación de Canabal?

¿É consciente ADIF do perigo que supón para os veciños de San Estevo do Sil o peche metálico que se pretende construír pois bloquearía a “saída de evacuación” dos residentes, habitantes, visitantes e usuarios do ferrocarril - por localizarse esta aldea, en “zona inundable”, ao atoparse nunha cota de nivel máis baixa e cunha proximidade á presa?”

A resposta gubernamental chegou o 19 de febreriro de 2025 e literalmente foi a seguinte:

"As actuacións que levan a cabo en Santo Estevo de Sil están contempladas no proxecto de tratamento de plataformas e cruces entre plataformas nas estacións do tramo Ourense-Monforte de Lemos (liña 810), que ten por obxecto definir todas as actuacións necesarias en plataformas, pasos inferiores e infraestruturas en xeral, entre as que se atopa a de adecuar os apeadeiros e estacións aos requirimentos de interoperabilidade así como á Recomendación Técnica RT 7/2018 da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF) sobre cruces de vías entre plataformas para viaxeiros.

Cabe sinalar que, con anterioridade ás obras de renovación da liña Monforte-Ourense, non existía ningún paso a nivel na contorna da estación, só un cruzamento entre plataformas que permitía aos viaxeiros acceder á plataforma central existente.

Coa actuación de renovación integral do tramo Monforte-Ourense estableceuse un novo esquema de vías no que se elimina a plataforma central e constrúese un novo accesible directamente desde o vial existente no lado dereito da estación.

Así mesmo, cabe mencionar que o cerramento que se pretende construír realízase a conforme ao establecido no proxecto construtivo obras de execución do proxecto de tratamento de plataformas e cruces entre plataformas nas estacións do tramo Ourense-Monforte de Lemos (liña 810). Coa actuación realizada na contorna da estación, non se variou o acceso ás vivendas nin aos viñedos existentes na marxe esquerda da liña".


Diante desa resposta, fixemos entón esta valoración;

"Tanto os deputados do PP lucense como o deputado ourensán trasladamos a nosa “indignación” ante a resposta do Goberno de Sánchez ás nosas preguntas sobre a situación de illamento dos veciños e veciñas do núcleo de Santo Estevo do Sil, en Pantón, debido ao peche da liña Ourense-Monforte a ambas marxes da vía do tren. “Non se pode admitir que digan que coa actuación non se varían os accesos ás vivendas e viñas existentes na marxe esquerda”, subliñou o deputado Francisco Conde.

O Goberno de Sánchez limítase a dar explicacións técnicas do proxecto para o tratamento de andéns e cruzamentos nas estacións do tramo Ourense – Monforte e asegura que con anterioridade ás obras de renovación da liña non existía ningún paso a nivel, senón un cruce entre andéns para os viaxeiros.

“Esta resposta evidencia que o Goberno de Sánchez non ten interese ningún en atender as necesidades dos veciños e veciñas de Pantón, unha postura que adopta en relación a todos os lucenses en xeral”, manifestou Conde. “Ademais da falta de sensibilidade coa situación dos veciños de Santo Estevo do Sil, o Goberno demostra un total desinterese pola seguridade da vía: tampouco responde sobre as medidas a adoptar para garantir a seguridade dos usuarios da liña ferroviaria; xa que o peche metálico bloquea a única saída en caso de incendio ou inundación por estar este núcleo nunha zona inundable”.

Os deputados populares por Lugo e eu mesmo, en interesámonos por coñecer de primeira man a situación dos veciños deste núcleo atendendo á chamada do alcalde de Pantón e esiximos dende o Congreso que o Goberno de Sánchez aclarase as medidas previstas por ADIF para facilitar un acceso peonil aos veciños de San Estevo do Sil, en Pantón, que previamente dispoñían dun paso autorizado e sinalizado para cruzar as vías na estación e que, tras as obras, quedaron sen ningunha outra alternativa.

Lembramos que “a única alternativa para poder chegar a esas vivendas é dar un gran rodeo por un camiño privado cunha escarpada pendente, na ladeira da montaña, e despois usar unhas escaleiras, o que se converte en inviable para persoas maiores e con mobilidade reducida”.

Condenamos novamente este “trato discriminatorio”, toda vez que as obras nesta liña ferroviaria incluíron actuacións en plataformas, pasos inferiores e outras estruturas en estacións e apeadoiros. Por exemplo, na estación de Canabal, en Sober, habilitouse un paso peonil inferior como alternativa ao paso sobre a vía que existía con anterioridade.

Seguiremos insistindo con novas iniciativas parlamentarias para conseguir que Adif rectifique e non discrimine aos veciños de Santo Estevo do Sil que merecen o máximo respeto e consideración”

Concluíndo:

Valoramos a colocación desta porta no peche que ailló aos veciños, pero só é un primeiro paso, xa que a solución ao illamento so conseguirase cando ADIF dote aos veciños de San Estevo de de Sil de pasos interiores, ou sobre as vías, ou outras estruturas que permitan o cruzamento seguro.

Parabéns aos veciños que loitaron con argumentos, con insistencia e que agora xa ven os primeiros resultados.

Seguiremos apoiándoos.

Cos veciños de San Estevo en novembro de 2024