A sede provincial do Partido Popular de Ourense acolleu esta mañá a primeira Interparlamentaria que celebra o partido na provincia e na que participaron todos os representantes institucionais do PP na Deputación, no Parlamento de Galicia, Congreso e Senado, ademais da presenza do presidente provincial, Luis Menor; a secretaria xeral, Sandra Quintas; e o portavoz do PP na cámara galega, Alberto Pazos.
No encontro, baixo o lema
“#OrgullodoRural”, os cargos electos populares comprometeron a protección,
defensa e promoción do mundo rural como garante do futuro do territorio,
ademais das áreas urbanas e metropolitanas que concentran, no caso de Ourense,
a un de cada tres habitantes da provincia.
Luis Menor explicou que para esta primeira
Interparlamentaria escolleuse como eixo o mundo rural “porque falamos do 80 %
da provincia, cun inmenso valor en todos os ámbitos, económico, cultural,
social, medioambiental ou patrimonial, e por iso temos a obriga de preservar e
contribuír a desenvolver este modelo de vida, de cultura e sabias tradicións”.
O presidente provincial defendeu que o
rural “estea sempre no noso vocabulario, porque ninguén mellor que o PP e os
seus representantes coñece o potencial deste territorio, porque tamén só o
Partido Popular está presente en cada recuncho da provincia”.
Reflexionou Luis Menor sobre este tipo de
encontros, que figuraban no seu programa como presidente do partido e que terán
carácter anual, centrándose de cada volta nos máis diversos asuntos de interese
para a provincia. Así, cualificou as interparlamentarias como
“ferramentas fundamentais para o intercambio de información, coordinación,
reforzo do traballo e acción política dos nosos representantes nos ámbitos
nacional, autonómico e provincial”. Só deste xeito o PP de Ourense “será quen
de presentar iniciativas e recomendacións para demandar ou poñer en marcha
respostas axeitadas ás necesidades do noso territorio e dos seus habitantes”.
ALBERTO PAZOS: “O ASENTAMENTO DA MOCIDADE
NO NOSO RURAL SERÁ A MELLOR GARANTÍA PARA CONSEGUIR UN RURAL VIVO E CON FUTURO”
Alberto Pazos afirmou que falar do rural en Ourense
impón, “porque son consciente do que o rural representa para esta provincia,
tanto a nivel social, como económico”. Nesta liña defendeu a responsabilidade
de parlamentarios ourensáns na Cámara galega “en portavocías estratéxicas
relacionadas co mundo rural”, como Miguel Ángel Viso (coordinador de temas
rurais); Juan Casares (área de viticultura); ou Cristina Campero (actividades
forestais).
Pazos destacou a a aposta da Xunta polo rural galego, con
políticas sociais e de emprego, ámbitos que supoñen 3 de cada 4 euros do
orzamento para 2025 e que “tamén van a beneficiar especialmente a todos os
galegos que residen en zonas rurais”.
Puxo tamén énfase nun dos asuntos que máis preocupa ao Goberno galego: a remuda xeracional no medio rural e a posta a disposición da mocidade de incentivos para que se animen a desenvolver a súa vida nestas zonas, abrindo liñas de axudas para favorecer a incorporación ao sector primario: “O asentamento de mozos e mozas no noso rural será a mellor garantía para conseguir un rural vivo e con futuro”.
PRINCIPAIS CONCLUSIÓNS:
Entre as principais conclusións e compromisos desta
primeira Interparlamentaria, Patricia
Torres, Miguel Ángel Viso, Celso Delgado e Manuel Baltar abordaron os seguintes
temas:
· Vivir no rural e do rural.
Os representantes institucionais do Partido
Popular de Ourense no Senado, Congreso, Parlamento galego e Deputación adquiren
como absoluta prioridade a defensa dos intereses do medio rural na provincia de
Ourense, con fin de contribuír ao desenvolvemento dun territorio dotado dos
servizos básicos e de calidade necesarios para atraer e fixar poboación e
facelo rendible económica e socialmente.
· Rural con futuro.
Avógase por un rural ben conectado, con
comunicacións por estradas seguras e recuperando conexións e frecuencias por
ferrocarril; protexendo aos autónomos e emprendedores; onde as políticas de
reto demográfico sexan efectivas poñendo en valor especialmente o apoio activo
á muller.
· Financiamento das entidades locais.
Os ingresos non aumentan, pero si medran os
custos dos servizos que se prestan mentres se asumen máis competencias,
afogando cada vez máis as economías municipais.
· Sector agrícola e gandeiro.
O sector primario ten un peso económico
básico na economía provincial. Comprométese o impulso ás políticas estatais e
comunitarias que incidan con carácter xeral no territorio, como a nova Política
Agraria Común; un agro sustentable; soporte ao sistema de seguros agrarios; e a
esixencia do remate do Plan de Regadío na Limia nas mellores condicións para os
regantes.
· Mobilización de terras.
Hai que superar as dificultadas para
identificar os propietarios de fincas, o que trae consigo unha carga
administrativa engadida os concellos. A Lei de recuperación da terra agraria procura
combater o abandono de terras e fomentar a produtividade.
· Seguridade da poboación.
Defendemos políticas e medidas estatais
para garantir a seguridade no rural. Por iso expresamos o noso rexeitamento aos
peches de cuarteis da Garda Civil e esiximos que se garanta a atención
presencial aos cidadáns, mesmo o mantemento dos Xulgados de Paz.
· Turismo e patrimonio.
Compre preservar e promocionar o rico
patrimonio cultural e natural da provincia. O termalismo é unha singularidade a
fortalecer e a Ribeira Sacra un factor de desenvolvemento turístico a futuro,
tendo en conta a candidatura a Patrimonio da Humanidade.
· Fondos europeos e áreas transfronteirizas.
A defensa do sector primario tamén pasa por
esixir a chegada dos fondos europeos ao territorio, así como unha especial
atención a outra realidade fundamental do noso rural: as áreas
transfronteirizas.
· Telecomunicacións.
Se queremos ofrecer no rural servizos
modernos e acordes aos avances tecnolóxicos é imprescindible a fibra óptica e a
cobertura 5G, cada vez máis esencial para a vida cotiá pero básica para o
emprendemento, empresas e empregos de base tecnolóxica.