viernes, 25 de octubre de 2024

EPA III trimestre de 2024: en Galicia a taxa de paro diminuíu 0,7 puntos e sitúase no 8,8% e a ocupación aumentó en 23.800 persoas

 



INE difundíu hoxe a Enquisa de poboación activa (EPA) correspondente ao III trimestre de 2024. O IGE procesou a información en clave galega, con estos resultados.

Poboación activa

No terceiro trimestre de 2024 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.373.500 persoas, das cales 1.271.900 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,6%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 16.500 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,6 puntos respecto ao segundo trimestre de 2024.


Con respecto ao mesmo trimestre de 2023, o número de persoas activas aumenta en 9.900 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,1 puntos.


Poboación ocupada


A ocupación aumenta en 23.800 persoas no terceiro trimestre de 2024 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.159.400 persoas ocupadas. A taxa de ocupación tamén aumenta con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 48,8%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 16.100 persoas, o que supón un incremento do 1,4% en termos relativos.


Por sexo, neste trimestre aumentou a ocupación masculina: o número de ocupados varóns aummenta en 6.700 persoas respecto ao segundo trimestre do ano 2024; a ocupación das mulleres tamén rexistrou un incremento, neste caso de 17.100 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nun aumento da taxa de ocupación masculina de 0,5 puntos e nun incremento de 1,4 puntos da taxa feminina.


Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2023, o número de homes ocupados aumenta en 1.700 persoas (un 0,3%), e o de mulleres ocupadas un 2,6%.


Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre diminuíu na construción, pero aumentou no sector primario, na industria e no sector servizos. Na construción, a diminución da poboación ocupada cifrouse en 400 traballadores e traballadoras menos que hai 3 meses. No sector primario a ocupación aumentou en 3.300 persoas respecto ao trimestre anterior; na industria, a ocupación aumentou en 12.100 persoas. No sector servizos o incremento foi de 9.000 persoas.

 

Con respecto ao mesmo trimestre de 2023, a ocupación diminuíu no sector primario un 2,3%, e no sector servizos un 1%. Na industria e na construción a ocupación aumentou con respesto ao mesmo trimestre de 2023: na industria un 13,1% e na construción, 5,2%.


Poboación asalariada

 

En Galicia había 948.800 persoas asalariadas no terceiro trimestre de 2024, 784.200 con contrato indefinido e os 164.600 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 1.300 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal aumenta tamén en 24.600 efectivos (o que supón, en termos relativos, un incremento do 17,6% con respecto ao segundo trimestre de 2024). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 1,9%, e as persoas con contrato temporal diminuíron, pola contra, un 1,8%.


A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 17,3%.


Poboación parada

 

No terceiro trimestre de 2024 en Galicia había 112.500 persoas en paro, 7.300 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminuíu 0,7 puntos e sitúase no 8,8%.


Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2023, o número de parados e paradas diminúe en 6.200 persoas (un 5,2%) e a taxa de paro, a súa vez, baixa 0,6 puntos en termos interanuais.


Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 55.900 persoas (2.100 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 56.600 persoas (5.200 mulleres paradas menos). Ambas as dúas taxas de paro, tanto a masculina como a feminina, reducíronse, situándose a primeira no 8,6% e a segunda no 9,2%.


No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino aumenta en 300 persoas (un 0,5% máis), mentres que o volume de paradas dimunúe en 6.500 persoas (un 10,3% menos que hai un ano).


Fogares

 

No terceiro trimestre de 2024, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 4.700 unidades e sitúase en 38.600 fogares. Respecto ao terceiro trimestre de 2023, esta tipoloxía de fogares diminúe un 20,9%.


Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 11.600 unidades. O número de fogares nesta situación é de 669.200. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 14.400 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 2,2% en termos relativos.

Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa