“Mentres teñamos empresarios que queiran seguir apostando polas súas empresas e que queiran seguir medrando e consolidándose, dende a Xunta seguiremos intentando poñelo o máis sinxelo posible e axilizando ao máximo para que haxa solo industrial alí onde sexa necesario”, indicou.
Así o sinalou durante a clausura da xornada técnica informativa do plan estruturante do parque empresarial do Carballiño-Maside, que suporá a ampliación do xa existente no concello carballiñés e se estenderá tamén polo de Maside. En total, o novo parque empresarial terá un ámbito de actuación de máis de 1,2 millóns de metros cadrados.
Unha actuación que, tal e como subliñou Rueda, responde á demanda crecente de solo industrial na zona debido a que o parque empresarial do Carballiño xa se atopa case ao 100% de ocupación. Nese sentido, destacou que esta ampliación non só contribuirá ao crecemento empresarial do concello, senón tamén da comarca e agradeceu tanto aos Concellos implicados como á Deputación de Ourense a súa vontade de colaboración no proxecto.
Así mesmo, dentro do compromiso do Goberno galego coa mellora da competitividade do tecido económico galego e a xeración de emprego de calidade, están en marcha outras medidas como a activación da Oficina Económica de Galicia, que xa atendeu preto de 5.500 consultas desde a súa posta en marcha en abril. Todo para contribuír a “esa Galicia potente que todos queremos e que pode seguir medrando”, tal e como apuntou Rueda.
O presidente da Deputación, Luis Menor dixo que esta iniciativa constata o dinamismo da comarca do Carballiño como polo de atracción empresarial, abarcando máis territorio e a poucos quilómetros da capital provincial.
"Esta acción é unha máis das que vemos demandando, dada a posición estratégica da provincia que nos sitúa en posición favorable para o asentamiento de empresas, tendo en conta ademais a influencia do AVE", destacou o presidente. Ourense ten capacidade de atracción, engadiu, contexto no que situou tamén as ampliacións do polígono industrial de San Cibrao das Viñas e do parque empresarial de Pereiro de Aguiar, así como en Xinzo de Limia ou as previsións en Paderne de Allariz.
A dispoñibilidade de máis solo empresarial súmase ao compromiso da Deputación na colaboración para dotar de mellores servizos a estas áreas, como o aparcamento seguro no polígono de San Cibrao ou o apoio á reivindicación dunha terminal de mercadorías tamén neste espazo.