jueves, 1 de febrero de 2024

A Xunta aproba o proxecto de trazado para a mellora da estrada ou-540, desde Celanova ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa, cun orzamento de 13,7 m€

 

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de trazado para a mellora da estrada autonómica OU-540, desde Celanova ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa, que suporá un orzamento de 13,7 M€.

O Goberno galego tamén autorizou o expediente correspondente aos trámites de información pública e o informe das administracións afectadas pola execución desta intervención.

O obxectivo desta actuación é incrementar a capacidade de case 43 quilómetros desta vía autonómica, reforzar a seguridade viaria e aumentar a competitividade neste exixe de comunicación do interior do sur da provincia de Ourense e co país veciño, en beneficio dos concellos de Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Muíños, Entrimo e Lobios e do parque natural da Serra do Xurés.

A OU-540 rexistra unha intensidade de tráfico que vai desde os 2.594 vehículos ao día entre Celanova e Bande, aos 922 no treito máis próximos á fronteira con Portugal. Con esta actuación os 13.000 habitantes dos concellos situados na traza da vía autonómica mellorarán a súa accesibilidade, ao vertebrar a OU-540 o interior da comarca da Baixa Limia e conectala con Celanova e a cidade de Ourense, ademais de con Portugal a través da Madalena.

O proxecto aprobado hoxe polo Goberno galego prevé ampliar a capacidade e funcionalidade da estrada OU-540, con case 7 novos quilómetros de terceiro carril de adiantamento, favorecendo de xeito considerable a circulación.

Ademais construiranse dúas glorietas no concello de Bande, melloraranse e redeseñaranse 11 interseccións e reordenaranse xiros á esquerda, para favorecer o cruce da estrada e os distintos movementos en condicións de maior seguridade.

Tras a análise das achegas recibidas, ampliarase a plataforma da estrada entre os puntos quilométricos 36+430 e 36+860 cara á marxe dereita, en lugar de cara á esquerda, co fin de protexer o xacemento do Vieiro. A maiores, incorporarase un carril central de espera na intersección do quilómetro 24+470 coa OU-531; no cruce do quilómetro 45+770, de acceso ás Maus; e na intersección do quilómetro 56+650, de acceso ao punto limpo de Lobios.

Estas actuacións completaranse coa mellora do firme alí onde sexa necesario e coa limpeza e despexe das marxes para favorecer a visibilidade.

O proxecto aprobado hoxe polo Goberno galego desenvolverase en dúas fases, prevéndose licitar nas vindeiras semanas a execución das obras da primeira delas, e poder tramitar en paralelo o procedemento expropiatorio ao procedemento de adxudicación.

O primeiro treito, cun orzamento de 6 M€, céntrase na contorna dos concellos de Celanova e de Bande. A intervención comprende a execución dun carril adicional na marxe dereita da estrada, ao seu paso por Verea, de case 2,5 km. Tamén se prevé un carril adicional na marxe esquerda da vía, ao paso polo termo municipal de Bande, de 1,1 km.

Xunto con isto, o proxecto recolle a mellora de interseccións, como é o caso dunha prevista en Bande norte, así como a execución de sendas peonís para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños nos núcleos de Carballo e de Agrelo, en Verea.

O segundo treito discorre entre o concello de Bande e a fronteira Portuguesa e o orzamento superará os 7,2 M€.