Logo de subliñar que a única
comunicación oficial sobre esta cuestión foi unha chamada telefónica ao
presidente da Xunta, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, exixiu “claridade e respecto” ao
Goberno central porque a Lei do litoral “non vai contra a Constitución nin vai
contra a Lei de costas”, senón que responde á defensa dos lexítimos
intereses de Galicia en base ás competencias recollidas no Estatuto de
Autonomía.
De feito, cómpre salientar que ao
longo da súa tramitación, que foi moi participada, nin o Observatorio do
Litoral, nin o profesorado das 3 universidades galegas, nin ningún dos expertos
xuristas consultados lle veu trazos de inconstitucionalidade. E, ademais,
segundo lembrou a vicepresidenta segunda, na súa tramitación parlamentaria “non
tivo nin un só voto en contra”.
Nesa liña, e coa vontade de manter o
consenso co que foi elaborada a lei, o Goberno galego manterá unha rolda de
reunións cos sectores vencellados ao litoral da Comunidade. Así, esta mañá a
vicepresidenta segunda e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuníronse con
Marta García e Francisco Javier Sanz Larruga, responsables do Observatorio do
Litoral, recoñecido grupo de investigación dependente da Universidade da Coruña
especializado no estudo e análise de cuestións xurídicas relativas ao litoral.
A maiores, a conselleira lamentou o
procedemento elixido polo Goberno central de recorrer ante o Tribunal
Constitucional antes de poñerse en contacto coa Administración autonómica e
levar a cabo unha comisión bilateral na que dialogar e chegar a consensos.
“Prívaselle á Administración autonómica desa posibilidade que sempre se dá e
que nós sempre lle damos ao Goberno central cando hai leis coas que non estamos
totalmente de acordo, como, por exemplo, coa lei de vivenda”, incidiu Ángeles
Vázquez.
A conselleira tamén fixo fincapé no
“mar de incertidumes” que xera a decisión do Goberno central de presentar este
recurso coa paralización de proxectos importantes tanto para os concellos como
para a cadea mar-industria.
Pola súa banda, o conselleiro do Mar
sinalou que a lei do litoral galega foi elaborada con moita información e
redactada por profesionais que coñecen máis que ninguén desta materia, expertos
do ámbito universitario “que se tomaron o tempo necesario para alcanzar un
documento ben cimentado e moi ben argumentado”. Un importantísimo traballo
xurídico que fai que resulte, segundo Alfonso Villares, “que sexa tan difícil
de entender este recurso”.
“Estamos a falar da xeración de
novos postos de traballo que esta impugnación deixa no aire, cortando todas as
expectativas das empresas e xerando unha confusión enorme”, argumentou o
conselleiro, que denunciou “unha incerteza que alcanza ao sector mar-industria
no seu conxunto”. Unha actividade que en Galicia sustenta 40.000 empregos e
xera arredor de 9.000 millóns de euros de impacto na economía autonómica.
Alfonso Villares argumentou que
“parece que ao Goberno lle molesta a nosa defensa do sector”. Por iso, sinalou
que desde a Xunta de Galicia o que toca agora é reunirse con todo o sector, que
xa transmitiu a súa preocupación e inquedanza porque se vaia contra unha lei
que fora consensuada con eles. “Todos os implicados na elaboración desta norma
valoraremos as melloras medidas para seguir defendendo o noso litoral, ao noso
sector mar-industria e todos eses postos de traballo que o recurso pon en
perigo”, dixo.