sábado, 14 de octubre de 2023

Os representantes do PPdeG nas cidades do Eixo Atlántico únense para reclamar ao Goberno central a chegada da Alta Velocidade e a mellora dos servizos ferroviarios


José Manuel Rey, Miguel Lorenzo, Borja Verea, Rafa Domínguez e Marta Fernández-Tapias fan unha fronte común e critican a Pedro Sánchez o incumprimento nos prazos de chegada dos trens Avril, así como a escaseza de frecuencias e os atrasos que sofre a segunda liña de media distancia con máis usuarios de toda España.

JOSÉ MANUEL REY: “FERROL NON PODE PERDER O TREN”

   O alcalde de Ferrol critica que a cidade está “totalmente esquecida en materia de infraestruturas ferroviarias” e amósase categórico na súa defensa dos intereses dos ferroláns: “Ferrol non pode perder o tren”

  Explica que a liña entre a súa cidade e A Coruña “non ten nin un só euro de investimento nos últimos cinco anos”, o cal provoca que actualmente este traxecto “dure o mesmo que no século anterior cando se inaugurou”

  Rey Varela pon sobre a mesa ademais que aínda non se asinou un convenio para construír a estación intermodal de Ferrol e que a cidade continúa excluída do Corredor Atlántico de mercadorías

MIGUEL LORENZO: “NON MERECEMOS ESTE MALTRATO DE SÁNCHEZ”

   O voceiro do PP na Coruña faise eco das queixas “diarias” dos usuarios da liña de media distancia A Coruña-Vigo debido pola “baixa calidade do servizo, os atrasos, as avarías e a escaseza de frecuencias”

  “Cada vez hai menos frecuencias e cada vez hai máis usuarios, polo que cómpre incidir en que moitos deles empregan o tren para ir traballar e non é de recibo que teñan que mercar o seu billete con máis de 15 días de antelación”, explica

    Miguel Lorenzo incide en que a liña da Coruña a Ferrol ten unha extensión de 74 quilómetros e, sen embargo “tárdase máis dunha hora e cuarto en realizar”

  “Pedimos unha aposta clara por parte do Goberno central por mellorar as conexións entre as cidades galegas, así como no que se refire á chegada dos trens Avril”, engade ao tempo que recorda todas as promesas feitas por parte de Pedro Sánchez sobre estes trens: “A última promesa era que estarían en novembro de 2022, pero agora resulta que como moi pronto non será ata o primeiro trimestre de 2024”

    “Este servicio é esencial para o desenvolvemento de Galicia, polo que nin os galegos nin os veciños das cidades que conforman o Eixo Atlántico merecemos este maltrato por parte do Goberno de Sánchez”, conclúe

BORJA VEREA: “NECESITAMOS E PEDIMOS MEDIOS DE TRANSPORTE DE CALIDADE”

    O líder dos populares de Santiago de Compostela ten claro que a súa cidade está “triplemente afectada polo caos no transporte ferroviario”

  Por unha banda, porque “como capital e centro loxístico de Galicia, calquera problema que se produce en Santiago afecta ao resto de cidades galegas”

  Tamén polo feito de que Compostela sexa unha cidade universitaria: “O bo funcionamento do sistema universitario esixe que os trens e os autobuses funcionen correctamente, e non podemos ter aos nosos estudantes con problemas como o de ter que mercar os seus billetes con semanas de antelación e a constante preocupación ante posibles cancelacións”

  Verea destaca ademais a afectación que as conexións ferroviarias teñen no turismo: “Se queremos un turismo de calidade, necesitamos e pedimos medios de transporte de calidade e, nomeadamente, a chegada dos trens Avril que levan tanto tempo prometendo e que nunca chegan”

RAFA DOMÍNGUEZ: “ESIXIMOS A PEDRO SÁNCHEZ QUE CUMPRA CON GALICIA”

 “Pontevedra non está desfrutando nin aproveitándose ao 100% da Alta Velocidade, entre outras cousas, porque Pedro Sánchez leva moito tempo esquecéndose de Galicia”, asegura o voceiro do PP na cidade do Lérez

    Neste sentido explica que “non se cumpriu en tempo e forma coa chegada dos trens Avril, que se están demorando dun xeito insoportable” e isto xera “enormes atrasos no tráfico ferroviario da cidade”

  Rafa Domínguez esixe a Pedro Sánchez que “cumpra con Galicia para que Pontevedra poida desfrutar dun AVE en condicións”

MARTA FERNÁNDEZ-TAPIAS: “EN VIGO XA ESTAMOS ACOSTUMADOS AOS DESPREZOS DE PEDRO SÁNCHEZ Á NOSA CIDADE”

  Ante o “enésimo atraso” na chegada dos trens Avril imprescindibles para a implantación da Alta Velocidade, a líder dos populares vigueses non se amosa sorprendida porque “en Vigo xa estamos acostumados aos desprezos de Pedro Sánchez á nosa cidade” 

   “Non pode ser que a cidade máis importante de Galicia aínda non estea conectada como ten que estalo e máis aínda despois de que o seu alcalde prometera que en 2012 xa teríamos AVE”, asegura ao tempo que resume a situación en que “nin AVE, nin conexións, nin frecuencias”

   Marta Fernández Tapias asegura que o Eixo Atlántico “ten que estar conectado e dotarse das infraestruturas ferroviarias necesarias para que esa conexión sexa real e efectiva”

        De aí que esixa ao PSOE de Vigo que “pida ao seu xefe de filas en Madrid que estas conexións sexan reais e eficientes para poder así contar cunhas frecuencias e un servizo adecuados”

      “Non pode ser que se agochen nunhas supostas enquisas para dicir que non é necesario e é menos admisible aínda que a día de hoxe non se repuxeran as frecuencias previas á pandemia despois de tres anos”, engade