jueves, 20 de abril de 2023

Manuel Cabezas, na presentación da lista do PP ao Concello: “Ourense necesita un cambio e volver ao rumbo que tivo no seu momento"

 

Onte tivo lugar en Expourense o acto de presentación da candidatura coa que o PP de Ourense concorre ás eleccións municipais

         O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda afirmou que quere que Manuel Cabezas volva ser alcalde “para que Ourense recupere o tempo perdido e viva a súa gran transformación” e volva poñer ao servizo dos seus veciños “os seus logros e a súa bagaxe” 

         “Se lle preguntamos a calquera ourensán quen foi o alcalde de referencia e o que máis fixo pola cidade, vai dicir Manuel Cabezas. Polo que hai que traballar para que cando volvamos facer a mesma pregunta a partir do 28 de maio a resposta volva a ser a mesma”, asegurou

         Alfonso Rueda considera que “hai que recuperar o sentidiño e a cordura” e que “a época dos grandes alcaldes non pasou”, por iso amosouse convencido de que Manuel Cabezas volverá liderar a transformación de Ourense “porque é de xustiza, porque fai falta e porque é o momento”

         “A política consiste en saber o que se quere facer e facelo, por iso Manuel e o seu equipo teñen que poñerse a traballar canto antes para recuperar o tempo perdido”, sinalou o líder dos populares galegos poñendo a valor a experiencia da candidatura do PP de Ourense e agradecéndolle aos seus compoñentes a súa valentía e responsabilidade

         Neste sentido remarcou que o candidato á capital ourensá “non depende de ninguén máis que del mesmo e do seu equipo”, ao contrario doutros que “dependen de que a Manuel Cabezas non lle cheguen os votos para facer o que quere facer”

         O líder dos populares galegos reivindicou a importancia da colaboración entre administracións: “Para conseguir cousas, hai que ir con talante, saber dialogar, buscar o acordo e non o enfrontamento, e non botarlle a culpa sempre aos demais de todo”

         De aí que asegurase estar desexando que a partir do 28 de maio “unha persoa experimentada, valente e comprometida como Manuel Cabezas volva facer o que xa fixo e o que sabe facer para que Ourense comece a cambiar”

MANUEL BALTAR: “OURENSE VOLVERÁ TER O MELLOR ALCALDE DA SÚA HISTORIA”

         O presidente provincial Manuel Baltar asegurou que o vindeiro 28 de maio Ourense “volverá ter o mellor alcalde da súa historia”, agradecendo ao candidato o traballo realizado “liderando a primeira transformación da cidade” e o que vai facer nesta segunda etapa: “Manuel Cabezas e o seu gran equipo volverán transformar esta cidade, construíndo de novo unha cidade para presumir, cun Concello ben xestionado, rigoroso e prestixioso”

         “Manuel Cabezas é o único alcalde da historia democrática de Ourense que obtivo maioría absoluta e tres veces, e o único candidato que se presenta o 28 de maio sabendo o que é gañar unhas eleccións”, engadiu

         Manuel Baltar remarcou que “os resultados electorais conséguense con traballo, proxecto e empatía, gañando a confianza da veciñanza día a día”, ao tempo que definiu a candidatura do PP local como “a candidatura de todos”

         “Esta é unha candidatura preparada para gobernar desde o minuto un con todas as competencias perfectamente delimitadas para impulsar todos os proxectos que xa teñen ben artellados e nos que contarán coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e, nuns meses, co ourensán Alberto Núñez Feijóo presidindo o Goberno central”, asegurou

         Baltar recordou que na cidade de Ourense reside un terzo da poboación da provincia e que nela o PPdeOU obtivo en 2019 un de cada seis votos obtidos no total da provincia: “O vindeiro 28 de maio queremos conseguir na cidade de Ourense un de cada catro votos do total porque isto significará a maioría absoluta. Depende de nós recuperar a mellor cidade de Ourense e farémolo da man de Manuel Cabezas e o PPdeOU”, concluíu

MANUEL CABEZAS: “PRESENTO UN EQUIPO PARA GOBERNAR”

         O candidato popular á alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas sinalou que a primeira transformación da cidade “foi unha aposta de futuro na que había que xestionar, que “as ideoloxías non están por riba da xestión”, que “o prioritario é atender as necesidades da xente” e que para elo “hai que escoitar”

 

         Ademais de afirmar que detrás da lista están todos os que sempre o apoiaron, Manuel Cabezas destacou que todos os membros da candidatura son importantes porque “non se gañan as eleccións nin se escoita aos cidadáns sen o traballo de todos eles” e porque “a orde non importa, importan as persoas”

 

         Subliñou que non renuncia á maioría absoluta e por iso presenta “un equipo para gobernar e acadar a segunda transformación da cidade”, o cal os diferencia dos demais: “Levamos meses escoitando ás persoas, coa gran axuda de NNXX na cidade, e por iso agora presentamos este equipo para desenvolver a nosa aposta de futuro”

 

         Sobre un dos seus obxectivos prioritarios, o termalismo, o candidato dixo que Ourense precisa de proxectos de balnearios, como o que xa está da Deputación, e amosouse convencido de que terá a axuda da Xunta con Alfonso Rueda: “A cidade debe progresar gracias ao termalismo que temos a obriga de aproveitar”

 

         Remarcou a súa idea de que “Ourense necesita un cambio e volver ao rumbo que tivo no seu momento” e, para conseguir un “futuro sólido”, aposta por unha mensaxe “racional, de esperanza, de orgullo” dirixida a todos: “Se todos nos achegamos a este pensamento e volvemos conformar o grande equipo que un día fomos, Ourense volverá ter o futuro que hoxe non ten”