miércoles, 12 de abril de 2023

Rueda destacou tres cuestións fundamentais para o futuro da provincia de Ourense, como son o reto demográfico, a conexión coa Meseta e con Portugal e as súas potencialidades como capital do turismo termal

 


O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor as potencialidades da provincia de Ourense como polo de innovación e de turismo. O presidente da Xunta chamou a atención sobre as posibilidades do territorio na súa participación no Foro La Región, no que interveu coa conferencia Toca falar de Ourense.  

Alfonso Rueda destacou tres cuestións fundamentais para o futuro da provincia de Ourense, como son o reto demográfico, a conexión coa Meseta e con Portugal e as súas potencialidades como capital do turismo termal non só a nivel español senón tamén europeo. 

No que respecta ao reto demográfico, o presidente da Xunta chamou a atención sobre a necesidade de ofrecer unha oferta completa de servizos públicos para asentar poboación e, sobre todo, para vertebrar as áreas rurais. 

Alfonso Rueda resaltou tamén a posición estratéxica da provincia pola súa conexión coa Meseta e a proximidade a Portugal. Recordou a grande acollida que tivo a chegada do AVE á capital ourensá, pero incidiu en que o desenvolvemento das potencialidades da provincia precisan dun maior esforzo nas infraestruturas. Por unha banda, Ourense segue sen contar cunha nova estación para a alta velocidade; e por outra, necesita mellores conexións transfronteirizas -estase tramitando a mellora da OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa- e tamén coa Meseta para vertebrar o territorio como precisa, facendo da A-56 Ourense-Lugo e da A-76 Ourense-Ponferrada verdadeiros eixes de comunicación e desenvolvemento para todos e cada un dos recunchos de Ourense, tanto urbanos como rurais. 

Na súa intervención, Rueda destacou o termalismo como elemento diferencial que vai máis alá do turismo e que xera riqueza e emprego, e no que encadrou as iniciativas do Campus Auga para potenciar esas singularidades ou a creación dunha área termal específica que terá sede en Ourense. Nese contexto, está previsto poñer en marcha este ano o Plan de Sostibilidade Turística en Destino centrado no termalismo e nos cascos históricos, que inclúe o proxecto de conversión do Pazo Provincial nun balneario e nun centro de innovación termal.   

O presidente da Xunta amosouse convencido de que o termalismo “probablemente sexa o novo Xacobeo”, en relación ás posibilidades do Camiño que hai 30 anos ninguén imaxinaba e que hoxe é un dos motores da economía de Galicia, como se puido comprobar na Semana Santa con cifras récord nas rutas xacobeas. Rueda asegurou que se a provincia de Ourense, en particular; e Galicia, en xeral, sabe aproveitar os recursos termais, terá unha oportunidade única para explorar as súas potencialidades, tanto no eido do turismo como na innovación e no desenvolvemento económico.