miércoles, 12 de abril de 2023

O Grupo Popular defende unha transferencia da AP-9 acompañada de recursos para a súa explotación e para as obras pendentes


Onte o portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, asegurou no Pleno do Parlamento galego que desde o PPdeG “defendemos e seguiremos defendendo os intereses lexítimos dos galegos demandando que a titularidade da AP-9 veña acompañada dos recursos necesarios para a súa correcta explotación e dos investimentos precisos para levar a cabo as obras pendentes”.


Así, criticou que BNG e PSdeG “se limiten a solicitar a transferencia sen partidas económicas compensatorias, obrigando ao Goberno galego a asumir as bonificacións das peaxes ou as obras comprometidas con cargo aos orzamentos do Estado”.

 

José Manuel Balseiro lembrou a aprobación por unanimidade no Parlamento galego dunha proposición de lei que se remitiu ao Congreso reivindicando a transferencia a Galicia da AP-9, “que permitiría ao Goberno galego dispoñer dunha ferramenta para unha xestión directa da mesma e adaptala con maior eficacia e sensibilidade ás necesidades de Galicia, así como dar prioridade ás actuacións que permitan mellorar o servizo que presta á cidadanía”.

 

“A finalidade desta transferencia é conseguir que a Autopista do Atlántico preste un mellor servizo a Galicia e aos galegos, para que funcione de forma efectiva como factor de vertebración territorial, de calidade de vida e competitividade económica”, concretou.

 

Neste sentido, afirmou que “tratamos de evitar que a transferencia se converta nunha carga económica para Galicia e que teñamos que asumir cuestións como o custe das bonificacións ou financiar obras necesarias que xa foron programadas e comprometidas para pagar con cargo aos orzamentos xerais do Estado”. “De verdade que BNG e PSdeG están dispostos a renunciar á defensa dos lexítimos intereses dos galegos?”, cuestionou.


José Manuel Balseiro sinalou que “non é de recibo que durante 17 meses o PSOE de Pedro Sánchez e o grupo político de Yolanda Díaz bloqueasen a tramitación desta proposición de lei, forzando ata 15 prórrogas do prazo de emendas para evitar que se reunise a ponencia e facendo oídos xordos ás reiteradas peticións do Grupo Popular para que se convocase esta reunión”.

 

“Xa temos unha postura común ante a transferencia da AP-9 e quedou clara na proposición de lei aprobada unanimemente no Parlamento galego, polo que BNG e PSdeG deberan preocuparse polas condicións nas que virá esta transferencia a Galicia”, rematou.


Finalmente o texto aprobado foi:


“O Parlamento acorda como resolución instar aos grupos políticos con representación no Congreso a que apoien o texto da proposición de lei de transferencia da AP-9 nos termos votados de xeito unánime polo Pleno da Cámara galega, co obxecto de garantir a aprobación do traspaso no prazo máis rápido posible".