martes, 27 de diciembre de 2022

Rueda subliña que o PPdeG xa ten decididos os 313 candidatos das municipais, que irá dando a coñecer nas vindeiras semanas

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, subliñou onte que o PPdeG xa ten decididos os 313 candidatos e candidatas das eleccións municipais, que irá dando a coñecer nas vindeiras semanas, segundo o calendario acordado no último Comité de Dirección do ano, celebrado na sede autonómica de Santiago de Compostela. “Son os mellores homes e mulleres, que agora terán unha dobre función: por unha banda, completar as súas listas; e ao mesmo tempo, dar a coñecer, principalmente onde se producen renovacións, todo o que queren facer”, subliñou.

Rueda pídelle aos seus facer unha campaña “de contacto directo, de explicarlle á xente o que quere saber”: “Somos un partido de goberno nos 313 concellos e con esa responsabilidade faremos a campaña, o traballo que a xente espera de candidatos que aspiran gobernar”.

Lembra que o PPdeG foi o primeiro partido en Galicia en ter designados os candidatos e candidatas das sete cidades.

“Estamos seguros de que o bo resultado nas municipais que vai acadar o PP de Galicia suporá tamén un empurrón para que Alberto Núñez Feijóo poida ser presidente de España”, di en clave nacional, e engade que a formación vai traballar “con esa ilusión e ese acicate”.

O número un dos populares galegos sinala que Sánchez convocará as eleccións xerais sen pensar “nin no interese de España nin do de Galicia, senón no seu interese persoal”, polo que o PPdeG, sexan cando sexan, ten que estar “perfectamente preparado”

“CUMPRIMOS COS GALEGOS E CO QUE SE ESPERABA DE NÓS”

Alfonso Rueda resume que foi un ano “complicado, con moitos acontecementos”; “e creo que cumprimos cos galegos e co que se esperaba deste partido”, agrega.

“Esperaban de nós que a transición na Xunta de Galicia e na dirección do partido se fixera como se fixo: un exemplo de unidade, tranquilidade e estabilidade. A meta de ter un goberno cohesionado e centrado foi un obxectivo conseguido e real”, destaca.

“O que nos piden agora os galegos é que, desde esa estabilidade e en momentos tan complicados, sigamos gobernando con rigor e ocupándonos dos verdadeiros problemas que a xente espera que se xestionen desde un goberno, apoiados por un partido unido”, abunda.

Fronte ás liortas partidarias na oposición galega e ás cesións continuas do presidente do Goberno de Sánchez aos seus socios, asegura que Galicia fará todo o contrario: “Acabamos de aprobar os orzamentos máis altos da nosa historia e agora o que corresponde é utilizalos do xeito máis intelixente e máis eficaz posible”.