Neste ano, estreando as reixas de Bautista de Celma restauradas de recén, a Eucaristía, foi presidida polo Sr. Bispo Don Leonardo Lemos Montanet e por primeira vez en rito mozárabe. Fixo a ofrenda da cidade o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
A Terra Galega foi evanxelizada por san Martiño de Dumio, que, por medio dos concilios de Braga e ca intercesión de san Martiño de Tours foi quen de achegarnos a relixión cristiá ás xentes romanizadas cultural e relixiosamente polos exércitos da Roma Imperial.
O rei Carriarico e maila curación milagrosa do seu fillo pola intercesión do Santo francés fixeron posible o cristianismo nas terras ourensáns. Tanto é así que a diocese de Ourense, con doce arciprestados, ten santuarios dedicados a san Martiño de Tours e moitas das súas parroquias teñen ao Santo da Pannonia Húngara coma o seu patrón.
Dende o norte ao sur, dende o leste ao oeste, Ourense vai sinalado polo icono da misericordia e da xenerosidade do seu patrón Martiño de Tours. O feito de compartir a súa capa con pobre mendigo nas portas de Aquisgrán, define a grandeza e o carácter do garda da corte imperial.
Dende o Carballiño (Beariz, Cameixa, Lago, Lamas e Sagra) e Ribadavia (Balde, Valongo e Zaparín), ata a Baixa Limia (Arauxo e Grou) e a Limia (Abavides, Aguís, Borrán, Candás, Castelaus, Porqueira e Rebordondo); dende Celanova (Berredo e Loiro), Allariz (Pazó) e os Milagres (Nogueira de Betán, Pedrafita, Presqueira e Sacardebois), ata Verín (A Mezquita e Mourazos) e os arciprestazgos de Ourense, Norte (Cornoces, Gueral e Villarrubín), Leste (Moreiras, Nogueira de Ramuín e Sabadelle) e Oeste (Alonos). Tódolos arciprestados, agás o de Ourense Sur, festexan a san Martiño de Tours como titular de algunha das súas parroquias.