Tras pasar os controis para acceder ao Ave que salía as 6:30 cara a Madrid constatei como o acceso pola plataforma 2 a ese tren só está cuberto ata o terceiro coche, de modo que aqueles viaxeiros que desexan chegar aos seguintes, ata once, non teñen máis alternativa que mollarse salvo que leven paraugas ou circulen polo interior do tren. Lamentable.
Todo isto non ocorrería se ADIF-AV construíse marquesiñas na totalidade da lonxitude e se licitase as obras pendentes.
Recordo que ADIF-AV/AV incumpriu xa por tres veces os seus compromisos:
1. No DOUE do 7 de marzo de 2019 publicáronse tres anuncios indicativos de Adif Alta Velocidade concernente a tres actuacións referidas á estación de alta velocidade de Ourense: Losa 1, cubrimiento da praia de vías. Estrutura e urbanización. Losa 2: cubrimiento adicional da praia de vías. Estrutura e urbanización e Viario rodado sobre a praia de vías. Nos tres casos estimábase como data de publicación do anuncio de licitación o 1 de xullo de 2019. Este prazo foi flagrantemente incumprido.
2. No DOUE do 2 de abril de 2021 Adif Alta Velocidade anunciou a licitación dos mesmos proxectos antes de finalizar o mes de decembro de 2021. Outra vez houbo un incumprimento flagrante do prazo.
3. Daquela a ministra de Transportes e a presidenta de ADIF-AV/AV manifestaron publicamente que sería no primeiro semestre de 2022 cando se licitarían as obras. Terminou xuño e nada se licitou. Outro descarado incumprimento.
O certo é que todas estas carencias que acabo de describir poderían estar hoxe solventadas ou en vía de solución se ADIF-AV licitase en prazo as moi necesarias obras pendentes na estación intermodal de alta velocidade e que están recollidas no estudo informativo aprobado e comprometidas en firme no Convenio asinado o 22 de xuño de 2016 entre o Ministerio de Fomento, Adif, Xunta e Concello de Ourense.
Son entre outras estas:
. Actuacións na praza de acceso que se expón como unha prolongación natural do vestíbulo principal do edificio de viaxeiros, xerando tres bandas paralelas á Avenida de Marín.
. Actuación como elemento integrador no edificio de viaxeiros dunha solución de cubertas solapadas que recollen todos os novos espazos e intervencións baixo un único elemento.
. Execución dun cubrimiento parcial da praia de vías para reducir os niveis de ruído e vibracións nos edificios próximos derivado do incremento dos tráficos ferroviarios. Esta zona comprende desde a Avenida de Santiago ata aproximadamente a Rúa Ático Noguerol."