lunes, 25 de abril de 2022

Esiximos a Pedro Sánchez que abandone “a desidia e a falta de compromiso” cos investimentos en infraestruturas en Ourense

Hoxe os deputados ourensáns do PP comparecimos na sede provincial en rolda de prensa para informar sobre a situación dos investimentos do Estado en Ourense en materia de estradas e ferrocarril. 

Ao remate difundimos unha nota de prensa titulada:  Os deputados do PP esixen a Sánchez que abandone “a desidia e a falta de compromiso” cos investimentos en infraestruturas en Ourense”. 

E con estos susbtitulares:


• Celso Delgado e Ana Vázquez critican “a demagoxia, a incoherencia e as contradicións dos socialistas” á hora de falar de comunicacións e agardan que “se sitúen nunha posición política construtiva dunha vez por todas”

•  Denuncian o “completo abandono” na construción das autovías A-76 e A-56 e a paralización da circunvalación do Barco de Valdeorras.

•  Anuncian a presentación de iniciativas “para coñecer cal é a verdadeira vontade do Goberno español para impulsar a prolongación da autovía AG-31 desde Celanova ata a fronteira con Portugal”

•  Piden a reunión da comisión de seguimento das obras na estación intermodal e a inmediata licitación dos proxectos pendentes.”

Di así:

“Os deputados ourensáns do Partido Popular, Celso Delgado e Ana Vázquez, esixiron hoxe ao goberno de Pedro Sánchez que abandone “a desidia e a falta de compromiso” cos investimentos en infraestruturas na provincia de Ourense, criticando “a demagoxia, a incoherencia e as contradicións dos socialistas” á hora de falar de comunicación terrestres, agardando que “se sitúen nunha posición política construtiva dunha vez por todas”.

Os representantes populares no Congreso fixeron esta mañá balance dos proxectos que en materia de autoestradas e ferrocarril están a sufrir o abandono do Executivo central, “cuestións que na súa meirande parte son solucionables se hai vontade política, pero vontade de facer as cousas e non adialas, esquecelas e vir aquí a dar roldas de prensa a poñer a parir ao adversario e sen facer achegas en positivo”. Feijóo acaba de acceder á presidencia do Partido Popular de España “e xa acreditou coas súas primeiras decisións e propostas esa vontade de facer unha política reivindicativa na procura de solucións, e non de enfrontamento”, dixeron os deputados, “e aí estaremos nós tamén”.

En materia de estradas referíronse ao “absoluto abandono” das autovías A-56 (Ourense-Lugo) e A-76 (Ourense-Ponferrada), neste último caso sen ter licitado a día de hoxe ningún tramo na provincia de Ourense e con demoras na redacción dos proxectos de ata cinco anos.

Entre tanto, apuntaron, a única alternativa é a estrada N-120, onde tamén se observa a “desidia e abandono por parte do Goberno” para a construción de carrís de adiantamento nun tramo de 22 quilómetros, “proxecto sobre o que sempre nos responden que está en fase de redacción e xa levamos esperando máis de catro anos”. Sobre a A-56, agás o tramo Eirasvedras-Quintela adxudicado en datas recentes, “o resto dunha autovía tan importante que une dúas capitais como Ourense e Lugo está totalmente adiado e esquecido”.

Con todo, Delgado e Vázquez entenden que o caso máis contraditorio é a circunvalación do Barco de Valdeorras, un trazado de 5,6 km que debería estar rematado en setembro deste ano e que dos 22,8 millóns de euros orzamentados “non se executou nin o 10 %”. Unhas obras “que levan moitísimos meses paralizadas, cando resulta que era a infraestrutura da que presumían os socialistas cando presentaron os orzamentos do Estado de 2021”.

CONTRADICIÓNS SOBRE A PROLONGACIÓN DA AUTOVÍA AG-31.

Criticaron que os socialistas ourensáns reuníranse en días pasados co portavoz de infraestruturas do PSOE no Congreso “falando de estradas e do ferrocarril, pero de todo isto nin unha soa palabra, como si non existirá”. Iso si, engadiron, falaron da prolongación da autovía AG-31 desde Celanova ata a fronteira con Portugal “pero para dicirlle á Xunta de Galicia que fixera esta vía de comunicación, cando un proxecto destas características esixe un acordo internacional entre España e Portugal no que ambos países aposten por esta infraestructura”. E mentres os socialistas só falan, “a Xunta aplícase e xa ten en marcha os trámites para a mellora da estrada autonómica OU-540 cun investimento de 10,3 millóns de euros”.

Neste sentido, os deputados anunciaron a presentación de iniciativas “para coñecer cal é a verdadeira vontade do Goberno español, en negociación co portugués, para impulsar esa autovía”. Unha vontade que puxeron en dúbida  polas “incongruencias e contradicións” do Executivo socialista, que reivindica a prolongación dunha autovía que choca co anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible, que pretende condicionar calquera investimento en estradas ou ferrocarril a criterios de rendibilidade económica e social “marxinando dun modo gravísimo ao rural, co que non só sería inviable esta prolongación, senón tamén as autovías de Lugo e Ponferrada”.

Tamén denunciaron a “demagoxia dos socialistas”, que esixen á Xunta de Galicia que baixen as peaxes da AP-53 (Santiago-Ourense), as máis caras de toda España en relación co número de quilómetros. O PP reclama que o Goberno de España aplique a esta autopista as mesmas bonificacións que aplicou na AP-9, “unha proposta que foi votada por unanimidade no Parlamento de Galicia, incluído o PSOE, pero que o Goberno central non atende, segundo unha resposta do propio Executivo na que afirma que polo momento non ten prevista bonificación algunha”.

ACTUACIÓNS AÍNDA PENDENTES NA ESTACIÓN INTERMODAL.

No tocante ás infraestruturas do ferrocarril, co AVE xa en Ourense e agás as actuacións na praia de vías, Celso Delgado e Ana Vázquez subliñaron que aínda está pendente de execución o comprometido no convenio asinado en 2016 entre a Xunta, o Concello de Ourense, o ministerio e Adif-AV, “polo que urxe a convocatoria da comisión de seguimento deste convenio para impulsar as actuacións incluídas no documento”, isto é a ampliación do edificio de viaxeiros, as obras na praza da estación, a pasarela peonil entre os barrios da Ponte e O Vinteún, as plataformas de acceso sobre as vías ou zonas cubertas tanto dos novos espazos como das vías, ademais doutras non contempladas inicialmente.

O Goberno de Sánchez “o único que está a facer é retrasar estas actuacións sen motivo algún, pois no seu día comprometeuse a licitar estes proxectos antes de finais de 2019, no 2021 dixo que antes de decembro, e agora xa levamos catro meses de 2022 e seguen sen licitar”

Engadiron que a comisión de seguimento debe reunirse ademais porque existe un espazo de 100.000 metros cadrados “só dedicado practicamente ao estacionamento de trens, sen apenas movemento de carga e descarga de mercadorías, absolutamente infrautilizado e que precisa de propostas acerca do seu futuro”. 

En torno a este asunto lembraron os deputados que en maio de 2021 defenderon no Congreso unha proposta pedindo que o ministerio estudara a construción dunha terminal ferroviaria de mercadorías no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, “proposición que logrou sacar adiante o PP, pero que non atopa sensibilidade algunha no Goberno, que a día de hoxe non fixo nada para estudar a súa viabilidade”.

Aínda que celebraron o inicio das obras da variante exterior, advertiron que este novo trazado “non remata en Seixalbo, senón na estación de Ourense” expresando tamén a súa satisfacción polas obras de modernización que se están a facer na liña Ourense-Monforte de Lemos, “o que non quere dicir que renunciemos á variante ferroviaria de nova construción entre Os Peares e Canabal que suporía un aforro real en tempo de viaxe de 12 minutos”.

Sobre os servizos ferroviarios, “aínda sendo os máis afortunados de Galicia nas conexións con Madrid”, reivindicaron a entrega dos trenes Avril a Renfe, que deberían estar no verán para reducir case en 20 minutos o tempo de viaxe efectivo entre Ourense e o resto de capitais galegas para ser máis competitivos.

Por último e sobre os servizos de media distancia anunciaron a recente presentación dunha iniciativa na que se fan eco das demandas dos usuarios dos trens A Coruña-Santiago-Ourense, para que se recuperen os servizos suprimidos dirante a pandemia e o axuste de horarios para facilitar o movemento de traballadores e usuarios.”

El PP denuncia el abandono “mayúsculo” por parte del Gobierno central de las autovías A-76 y A-56 - Ourense - COPE