miércoles, 13 de abril de 2022

O Parlamento de Galicia aproba o impulso ao plan estratéxico da comarca da Limia e demandas cara a unha maior sustentabilidade da actividade agropecuaria na comarca

Da actualidader política de hoxe, saliento que o Parlamento de Galicia aprobou na Comisión sétima, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular referida ao impulso  do plan estratéxico do sector agrario na comarca da Limia así como a demanda ao Goberno de España da axilización das autorizacións para a construción dos pozos de sondaxe, financiamento para a modernización do regadío, limpeza das canles e camiños, así como adicar fondos europeos Nex Generation para solucionar a problemática da xestión dos xurros nas explotacións gandeira na comarca. Parabéns pola iniciativa.

José A. Armada

Foi o deputado popular e ex-alcalde de Bande, José Antonio Armada quen defendeu a aposta pola sustentabilidade da actividade agropecuaria nesta bisbarra ourensá e o apoio as actuacións que desenvolvan e potencian o sector agrario, garantindo e respectando os requisitos medioambientais.

Deste xeito, na iniciativa popular, se solicita o impulso ao Plan estratéxico do sector agrario na comarca, posto en marcha pola Consellería do medio Rural, co fin de alcanzar un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos e reducir a concentración de nutrientes nas augas.

Así mesmo, demandanse obras de modernización do Regadío da Limia, solicitando ao Goberno de España que axilice a tramitación das autorizacións solicitadas á Confederación Hidrográfica Miño sil para levar a cabo as obras consistentes na construción dos pozos de sondaxe e o inicio inmediato das obras comprometidas de limpeza das canles e camiños secundarios como mecanismo para mellorar o funcionamento e eficiencia do regadío da Limia por importe total de 16 millóns de euros.

José Antonio Armada recordou que a comarca da Limia conta cunha forte especialización produtiva centrada no sector primario, que achega ao 29,59% do PIB da comarca  e na actualidade é un dos territorios con maior produción agrícola de Galicia, tanto en produtos hortícolas, como de pataca, cereal e millo, e destacou a forte implantación da gandería intensiva de porcino, aves e de vacún, que xera un impacto medioambiental importante no territorio sobre o que cómpre actuar.

Nese sentido, na iniciativa popular tamén se demanda ao Goberno de España que asuma a necesidade de dedicar fondos europeos Next Generation en contía suficiente para solucionar a problemática da xestión dos xurros dun xeito integral para todas as explotacións gandeiras e sen poñer en perigo a súa viabilidade económica nin impedir o uso dos xurros como un fertilizante para as súas terras, dentro dos límites que marque a normativa vixente na materia. 

E, de xeito particular que en Galicia se apoie con eses fondos Next Generation a posta en marcha do proxecto do Centro de impulso a economía circular que promove a Xunta de Galicia.  

A comarca da Limia na provincia de Ourense está conformada polos concellos de (Os Blancos, Baltar, Xinzo de Limia, Sarreaus, Porqueira, Trasmiras, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Calvos de Randín, Vilar de Barrio e Xunqueira de Ambía). A comarca ocupa unha superficie de 801,9 quilómetros cadrados. 

Unha parte da superficie da comarca está protexida pola Rede Natura 200 baixo a figura de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA A Limia). Tamén o ecosistema fluvial do rio Limia, concretamente a Veiga de Ponteliñares está declarada Zona Especial de Conservación (ZEC Veiga de Ponteliñares).