jueves, 14 de abril de 2022

As comunidades reclaman ao Goberno central impulsar unha lei que ofreza seguridade xurídica aos planeamentos urbanísticos de todo o Estado

As comunidades autónomas reclaman ao Goberno central o impulso dunha lei que ofreza seguridade xurídica aos planeamentos urbanístico de todo o Estado. 

Un total de 13 gobernos autonómicos, entre eles a Xunta de Galicia, asinaron xa o Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico —acordado e pechado no seo do Encontro autonómico Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable, celebrado en Santiago de Compostela a finais de marzo—, no que se sinala a necesidade de adoptar medidas lexislativas para solucionar a problemática á que se enfrontan os concellos, no momento no que se anulan os seus instrumentos de ordenación.  

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse por videoconferencia cos seus homólogos doutras comunidades autónomas, na que deron o impulso definitivo ao documento no que brindan fortalecer a cooperación e coordinación en materia de ordenación do territorio e o urbanismo entre a Administración xeral e a autonómica; e co que defender un urbanismo responsable, dinámico e con trámites unificados para todos os territorios.

Polo momento, o manifesto xa foi rubricado por Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Castela e León, Madrid, Murcia, Estremadura, Andalucía, Ceuta e Melilla.

As rexións defenden impulsar a Lei pola seguridade xurídica do planeamento urbanístico e territorial, para paliar unha situación que nos últimos anos se incrementou de xeito exponencial, como son os casos de nulidade de planeamento territorial ou urbanístico debido a vicios formais, sen contido substantivo sobre os obxectivos ou elementos estruturantes, que poderían resolverse con procedementos sinxelos. 


As rexións que apoian o manifesto sinalan que as institucións xudiciais sosteñen que a nulidade dun planeamento non admite subsanación, convalidación ou conservación de trámites; o que esixe ás administracións locais a comezar de novo a tramitación desde o principio, co que se pon fin a anos de esforzo colectivo e representa un inaceptable malgasto de recursos públicos.


A esta situación únese o feito de que entre a entrada en vigor dun planeamento e a emisión da sentenza que o anula pasan largos períodos de tempo. Outra consecuencia desta situación é o feito de que se agravan os efectos da nulidade e se incrementa a inseguridade, ao resultar ameazados os investimentos e proxectos de futuro que quedan paralizados.

Así, as comunidades propoñen —como xa sucede con outras decisións reglamentarias, pero non ao planeamento territorial nin ao urbanismo— impulsar unha reforma da lexislación estatal para evitar a nulidade radical dos plans xerais, e outros instrumentos de planeamento, cando incorran vicios de procedemento facilmente subsanables.

 

Por último, con este manifesto as comunidades queren trasladar ao Goberno a súa disposición para dar un paso adiante e contribuír en todo o posible para adoptar aquelas medidas que resulten necesarias para acadar un urbanismo responsable e perdurable no tempo.