sábado, 5 de marzo de 2022

En febreiro de 2022 Galicia acadou a cifra de 1.026.146 afiliados á Seguridade Social

Esta semana o Instituto Galego de Estatística publicaba un informe dando a coñecer que “o número medio de afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia no mes de febreiro do ano 2022 acadou a cifra de 1.026.146 para o total do sistema, o que supón un aumento respecto ao pasado mes de xaneiro de 2022 de 4.193 afiliacións (0,41%). Para o conxunto estatal a cifra de afiliacións sitúase en 19.694.272, rexistrando un aumento do 0,34% con respecto ao pasado mes de xaneiro.

Na comparativa interanual (febreiro de 2022 con febreiro de 2021) obsérvase un aumento de 32.117 afiliacións no total do sistema en Galicia (3,23%) e un aumento do 4,48% (844.160 afiliacións) no conxunto estatal.

Por comunidades autónomas e con respecto ao mes de xaneiro de 2022, rexístrase unha subida das afiliacións en quince comunidades autónomas, destacando Illes Balears (2,03%). En canto ás taxas con respecto ao mesmo mes do ano anterior, rexístranse taxas positivas nas dezasete comunidades autónomas. Os aumentos máis acusados prodúcense en Canarias, Illes Balears, Comunitat Valenciana e Madrid con taxas superiores ao 5,00%.


O número medio de afiliacións á Seguridade Social aumentou con respecto ao mesmo mes do ano pasado en todas as provincias galegas. A Coruña é a provincia que presenta a maior subida nas afiliacións cunha taxa de variación interanual do 3,66%, o que supón 15.607 afiliacións máis, seguida de Pontevedra (3,02%), Lugo (2,73%) e, por último, Ourense (2,72).


No que respecta ás afiliacións medias deste mes de febreiro con respecto ás do mes de xaneiro, rexistrouse en Galicia un incremento do 0,41%. A Coruña presenta o maior incremento cunha taxa de variación intermensual do 0,53%, seguida de Ourense (0,49%), Pontevedra (0,30%) e Lugo (0,22%).


As afiliacións ao réxime xeral, que representan o 77,84% das afiliacións galegas en febreiro de 2022, aumentaron un 0,50% con respecto ao mes anterior. Na comparativa interanual obsérvase un aumento do 4,13%. En España estas taxas foron do 0,39% con respecto a xaneiro de 2022 e do 5,09% en relación ao mes de febreiro de 2021. Por provincias, Lugo é a que presenta unha porcentaxe menor de afiliacións ao réxime xeral (72,10%).


Nas afiliacións ao réxime especial de autónomos, Pontevedra (1,25%) amosa a taxa de variación interanual máis positiva, e Lugo (-1,22%) a máis negativa. O crecemento medio da comunidade galega sitúase entón no 0,35%. Para este réxime e con respecto ao mes de xaneiro de 2022, baixan A Coruña e Lugo e soben Ourense e Pontevedra, resultando para o conxunto de Galicia unha taxa intermensual do -0,02%. As taxas nacionais para este réxime presentan unha subida interanual do 1,64% e intermensual do 0,10%.

No que respecta ao réxime especial do mar, con respecto a febreiro de 2021, caen todas as provincias, destacando Pontevedra (-1,74%). A taxa galega acada entón o -1,47%, inferior á de España (0,94%). Con respecto a xaneiro de 2022, A Coruña e Pontevedra presentan un aumento do 3,33% e 0,78% respectivamente, mentres que Lugo presenta unha baixada do 0,66%. A taxa galega amosa un incremento do 1,38% con respecto a xaneiro de 2022. A taxa nacional é do 1,71%.