domingo, 6 de febrero de 2022

A nova estación de autobuses de Ourense, tras o primeiro ano de servizo, acredita a eficiencia da intermodalidade no transporte



Hai exactamente un ano asistía ao acto da 
posta en servizo da nova estación de autobuses de Ourense, que foi presidido pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Daquela informaba que esta infraestrutura abría o tempo da intermodalidade en Galicia grazas a un investimento da Xunta de 9 millóns de euros, nos máis de 7.300 m², e con 16 dársenas para autocares e un edificio de viaxeiros de máis de 700 m.


Na súa intervención, Vázquez indicaba que, a pesar dos traballos pendentes, o Goberno galego quixo poñer en servizo a nova terminal de autobuses para poder ofrecer xa á cidadanía as vantaxes da terminal.

Ourense convértese hoxe, dixo, na primeira cidade galega na que os viaxeiros poden transbordar entre o autobús e o tren de forma directa, “en 30 segundos”,  sen desprazarse pola urbe e “sen subir sequera unhas escaleiras mecánicas”, dispoñendo dunha “intermodalidade plena”,  ao mesmo nivel e nun mesmo emprazamento, entre o ferrocarril e o autocar. Así, subliñou, “a de Ourense é a máis intermodal de todas as intermodais galegas”.


O 20 de xuño de 2021 asistín tamén a visita que Alberto Núñez Feijóo, realizó á intermodal de Ourense.


Cun investimento da Xunta de nove millóns de euros, Feijóo subliñou que “a Administración autonómica pon fin á primeira fase da intermodal de Ourense, composta pola terminal de autobuses -financiada con fondos Feder 2014-2020-, a praza e o aparcadoiro con 300 prazas.

“Estamos a falar dunha gran estación de autobuses, céntrica, accesible e moderna; con máis de 7.300 metros cadrados e coa previsión de albergar case 70.000 expedicións e a 265.000 viaxeiros”, engadiu, referíndose tamén á humanización da contorna, á ordenación do tráfico e ao reforzo da independencia do centro de saúde contiguo.”


Ese día, o presidente tamén  instou ao Goberno central a acometer a reforma da estación de tren para completar a que será porta de entrada do AVE a Galicia. 


Hoxe no diario "La Region" o xornalista Pablo Galán nunha boa información dá conta de que “no ano que a estación de autobuses leva na Ponte, foron máis de 361.000 viaxeiros os que utilizaron os seus servizos, segundo os datos achegados pola Consellería de  Infraestruturas e  Mobilidade, que apunta rexistraron 67.000 expedicións por parte das empresas que cobren os diferentes roteiros”  “En circunstancias totalmente normais, as previsións sinalaban unha media de 395.000 viaxeiros ó ano e 78.900 expedicións, sinalan”


Ao meu xuízo como usuario habitual da estación de autobuses intermodal e polas moitas visitas que fago ás dársenas e ao edificio de viaxeiros, considero  que tras un ano de servizo procede facer un balance moi positivo.


 intermodalidade non pode ser máis efectiva, apenas se descende do bus é posible en tres minutos acceder ás plataformas para tomar un tren. 


Ademais as empresas de transportes adaptaron os seus horarios aos servizos ferroviarios para posibilitar as ligazóns.


Coa inauguración dos novos servizos ferroviarios de alta velocidade entre Ourense e Madrid, a nosa capital converteuse nun polo de atracción para os viaxeiros doutras cidades galegas, Vigo, Santiago, A Coruña, Lugo, Pontevedra, etc.


Dos dez servizos diarios en cada sentido dous son de alta velocidade, e os restantes son Alvias.

O primeiro AVE do día sae de Ourense ás 6:30 e ás 6:15 chega á terminal de buses un autobús procedente de Lugo e ás 6:20 chega un autobús de Vigo. Isto permite que poidan transbordar ao tren que espera no andén a poucos metros das dársenas. Os viaxeiros de A Coruña e Santiago chegan as 6:20 no Avant.


Un exemplo recente: este xoves regresaba de Madrid no tren AVE e conmigo viaxaban dous deputados pontevedreses. Ao chegar ás 22:50 a Ourense, esas dúas persoas en tres minutos accederon á estación de buses, para tomar un autobús con destino a Vigo. 

As obras pendentes de xecutar por ADIF-AV na estación intermodal


É urxente que ADIF-AV licite xa as moi necesarias obras pendentes na estación intermodal de alta velocidade e que están recollidas no estudo informativo aprobado e comprometidas en firme  no Convenio asinado o 22 de xuño de 2016 entre o Ministerio de Fomento,  Adif, Xunta e  Concello de Ourense.  Deberían ser licitadas en 2021 pero unha vez máis ADIF incumpriu o comprometido,  son estas:

.Actuacións no edificio de viaxeiros ante a necesidade de xerar un maior espazo libre de vestíbulo para a acollida do incremento de viaxeiros resultante da ampliación de servizos ferroviarios previstos, proponse ampliar a superficie do edificio de viaxeiros en planta baixa mediante unha nova sala de espera exterior acristalada. Neste espazo está previsto que se sitúe o control de viaxeiros e o acceso ás plataformas ao leste, así como unha conexión intermodal coa nova estación de autobuses no lado oposto.


. Actuacións na praza de acceso que se expón como unha prolongación natural do vestíbulo principal do edificio de viaxeiros, xerando tres bandas paralelas á Avenida de Marín.


. Pasarela urbana proposta como conexión peonil accesible entre os barrios de “Ou  Vinteún” e “A Ponte” como reposición do paso inferior existente a clausurar dentro da reforma do edificio de viaxeiros. Trátase dunha actuación necesariamente asociada ao proxecto de adaptación da estación.


Pasarela de acceso ás plataformas sobre as vías. Está exposta a través dun núcleo formado por dúas escaleiras mecánicas (subida-baixada), dous ascensores e unha escaleira fixa que dá acceso aos demais plataformas da estación (plataforma 3 existente e ampliado e aos novos 4 e 5 para a alta velocidade) a través de dúas escaleiras mecánicas, unha escaleira fixa e un ascensor para cada plataforma.


. Actuación como elemento integrador no edificio de viaxeiros dunha solución de cubertas  solapadas que recollen todos os novos espazos e intervencións baixo un único elemento.


. Execución dun  cubrimiento parcial da praia de vías para reducir os niveis de ruído e vibracións nos edificios próximos derivado do incremento dos tráficos ferroviarios. Esta zona comprende desde a Avenida de Santiago ata aproximadamente a Rúa Ático Noguerol.