Da actualidade política de hoxe en Galicia, saliento as palabras do portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticando o “uso torticeiro e curioso que fai o Goberno de España dos recursos que recibe a Comunidade galega”, como é a devolución da mensualidade do IVE de 2017 consecuencia da sentenza do Tribunal Supremo ou as habituais entregas a conta ás comunidades que figuran na Lei de financiamento autonómico.
Fronte a isto, lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “siga sen aportar o 50 por cento da Lei de dependencia, que a nivel de Galicia supón 150 millóns de euros cada ano que ten que desembolsar a Xunta para facer fronte aos gastos de atención as dependentes galegos”.
Pedro Puy manifestou que “chámanos poderosamente a atención que o Goberno central presente a devolución da mensualidade do IVE que as comunidades deixaron de percibir en 2017 como unha cuestión que non ten nada que ver co feito de que Galicia ou Castela e León recorresen as entregas a conta dese ano e fose o Tribunal Supremo o que obrigase a adoptar esa solución, que despois foi estendida ás demais comunidades autónomas como consecuencia da resolución xudicial”.
Ademais, criticou que “se venda como un acto extraordinario o pago das entregas a conta previstas na Lei de financiamento autonómico, algo que se ven facendo de xeito obrigado por parte da Administración do Estado ás comunidades autónomas ao longo das últimas décadas”. Pedro Puy explicou que “falamos dunha cuestión propia do cumprimento da lei e que se corresponde co pago das entregas a conta do recadado en Galicia a través dos impostos que a propia Administración Xeral do Estado recada nesta comunidade autónoma”.
CUMPRIMENTO LEI DE DEPENDENCIA
Porén, o portavoz popular lamentou que “outras cuestións que o Goberno de España tiña que financiar, como a lei de dependencia, a Xunta segue asumindo practicamente o 70 por cento do gasto, cando debería ser do 50 por cento para cada administración” como se recolle na lexislación aprobada polo Goberno de Zapatero en 2006.
Puy lembrou que a atención á dependencia supón cada ano arredor de 430 millóns de euros, dos que a Xunta está a aportar 290 millóns de euros, o que representa arredor do 70 por cento. “Isto supón que o Goberno central deixa de aportar 150 millóns cada ano para a atención á dependencia en Galicia”, concretou.
A pesar desta situación de falta de apoio por parte do Goberno central, destacou que a Xunta “está cumprindo e na actualidade son máis de 65.000 dependentes atendidos en Galicia, 50.000 máis que en 2009”, ao que se suman máis de 7.000 prazas en residencias de maiores e máis de 5.500 prazas de atención residencial a persoas con discapacidade.