sábado, 8 de enero de 2022

Galicia lidera a gran reforma da atención residencial aos maiores en España, cun modelo ambicioso, audaz e sensato


Onte a web da Xunta,  informaba que "o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou a residencia para maiores dependentes do Carballiño, na que a Xunta vén de ampliar o número de prazas das 50 que había ata o momento ás 80 das que disporá o vindeiro ano. Este incremento de 30 prazas entrará en vigor o vindeiro 1 de abril a través da nova licitación da xestión deste centro, que terá un período inicial de dous anos prorrogables ata os cinco.

Fernando González Abeijón lembrou durante a súa visita que a Xunta de Galicia ten na atención ás persoas dependentes un eixo prioritario que a levou a incrementar desde o 2009 un 44% a oferta de prazas públicas en residencias de maiores, ao pasar de 5.500 a máis de 8.000 que hai na actualidade."

Celebro esta noticia que acredita que a Xunta de Galicia está a apostar de maneira intensa nas súas políticas sociais de apoio aos máis desvalidos da nosa sociedade que son as persoas maiores, que ademais de avanzada idade suman enfermidades crónicas e /ou dependencia.

A raíz da pandemia da Covid-19 que golpeou con enorme virulencia as residencias de maiores, abriuse en toda España, e por suposto en Galicia, un proceso de reflexión sobre as reformas do modelo asistencial para darlle unha vertente máis sociosanitaria e humana.

O pasado 21 de decembro no Parlamento de Galicia a Conselleira de Política Social, Fabiola García, destacaba que Galicia lidera a gran reforma da atención residencial en España, cun modelo ambicioso, audaz e sensato.

Compareceu a petición propia para informar sobre as conclusións do Comité Asesor Sociosanitario sobre o novo modelo de residencias. Reproduzo a nota de prensa difundindo esa comparecencia:

"Fabiola García subliñou que se logrou no medio dunha pandemia, e en tan só doce meses, establecer os cimentos e a estrutura que deberán seguir as residencias de maiores das próximas décadas. Este traballo foi posible grazas ao labor do comité asesor que se constituíu hai xusto un ano.

Neste sentido, explicou que o Comité Asesor Sociosanitario realizou unha proposta fundamentada en catro piares, que se corresponden cos principais vectores de mellora das residencias: a humanización do trato e a formación continuada de todos os profesionais; o aproveitamento do potencial que ten a tecnoloxía; as melloras na coordinación entre a sanidade e os servizos sociais; e as reformas estruturais, que se comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción.

Humanización e formación

Así mesmo, a conselleira manifestou que os centros residenciais son a “casa dos residentes”, polo que unha das liñas básicas de traballo debe ser que as persoas maiores se sintan cómodas neles e que se respecten a súa dignidade e a personalidade. Destes principios parte o bloque de medidas de humanización e formación continuada.

O novo modelo desterra as suxeicións físicas e farmacolóxicas, agás en casos extraordinarios, xustificados e pautados por un médico. Tamén se favorecerán as saídas dos residentes e permitirase, sempre que os familiares poidan, visitar as habitacións e comer cos seus pais e avós. Os profesionais elaborarán un plan de actividades para cada residente que o axude a conservar a calidade de vida e a boa forma física e mental.

Na gobernanza diaria das residencias teranse en conta as opinións de todas as persoas que forman parte do ecosistema do centro. Todas as de máis de 100 prazas deberán contar cun Consello Asesor con funcións consultivas, a través do que poidan participar a empresa titular do centro, os profesionais, os residentes e as familias; e aconsellarase ás máis pequenas que o incorporen tamén.

Por outra banda, porase en marcha a nivel autonómico unha Oficina de atención ao residente e aos familiares. No plano formativo, todas as residencias deberán contar cun plan que garanta que os seus profesionais nunca deixen de aprender.

Potencial tecnolóxico

A capacitación será especialmente interesante para formar aos traballadores no emprego de tecnoloxías que serán de uso cotián nas residencias. A longo de 2022, Galicia vai transformar todos os centros de maiores públicos en residencias intelixentes, nas que a innovación tecnolóxica se traducirá en máis benestar para todas as persoas maiores.

Fabiola García subliñou que o sistema público terá unha función demostrativa e exemplificará, para os centros privados, todos os avances que se poden lograr a través da innovación. O pase de enfermería evolucionará coa introdución dun monitor multiparamétrico, para aforrar tempo en trámites e transcricións. Os cuartos transformaranse en habitación intelixentes, con sensores que avisan se a persoa maior ten unha caída ou deambula de noite.

Os residentes con algún tipo de deterioro cognitivo poderán pasear con máis liberdade e sen medo a perderse, dentro ou fóra da residencia, coa introdución dun novo mecanismo de seguimento, e instalaranse sistemas de lecer e de comunicación cos seus achegados, tanto dentro das propias habitacións coma nas zonas comúns.

A conselleira de Política Social explicou que a maioría destes avances xa están funcionando na residencia pública piloto que o Goberno galego puxo en marcha na Estrada e que conta “cunhas valoracións excelentes por parte dos que máis importan: os residentes e os traballadores”, recoñeceu.

Ademais, nos últimos meses a Xunta estivo perfeccionando os sistemas de información das residencias en estreita colaboración coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega). Implantouse en todos os centros que contan con persoal sanitario a última versión da Historia Clínica electrónica HCEPro, unha ferramenta máis avanzada ca o IANUS.

Tamén se elaborou un cadro de mandos a nivel autonómico para obter unha imaxe fiel da situación das residencias en cada momento. Deste xeito, os profesionais disporán dunha panorámica máis completa e as Administracións públicas tamén contarán con mellor información de cara á toma de decisións.

Coordinación sociosanitaria

Fabiola García puxo en valor que o usuario das residencias non é unicamente unha persoa que necesita que o coiden, senón que é tamén, na maioría dos casos, un paciente crónico que require dunha atención sanitaria intensiva. Por iso, o novo modelo recolle a imprescindible coordinación entre o sistema de coidados e o sistema de saúde.

A conselleira agradeceu o “compromiso, a determinación e a amplitude de miras do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña”, por ser “o mellor aliado” para que o espazo sociosanitario pase a ser unha realidade cada vez máis tanxible.

Para conseguir esta meta, o novo modelo ten entre as súas novidades diferentes medidas. Os hospitais servirán a medicación a todas as residencias de máis de 90 prazas. Isto aliviará en certa medida a presión asistencial da atención primaria, pois os centros de saúde poderán descargarse de preparar receitas para máis de 5.500 pacientes crónicos.

Crearanse tamén as primeiras unidades de coidados intermedios da historia da nosa comunidade. Nelas, atenderase ás persoas que xa recibiron a alta do hospital, pero seguen requirindo acompañamento social. A través deste, poden retomar a vida autónoma e evitar o ingreso nunha residencia.

Acordouse co sector que todos os centros deban contar cun plan de continxencia validado polas Consellerías de Sanidade e Política Social, e coñecido polos profesionais, familiares e usuarios. Nestes plans fixaranse a sectorización do centro, os circuítos e o stock mínimo de Equipos de Protección Individual (EPIS). Ademais, debe asegurarse que os traballadores estean formado sobre o uso do material.

Por último, para as situación sanitarias de gravidade que se orixinen nunha residencia, o novo modelo ofrecerá dous avances moi importantes: a creación de vías rápidas para acceder ás Urxencias e tamén ao hospital de día; e a posta en marcha dun código de residencia na centraliña do 061, que sirva como vía prioritaria para todas as emerxencias dos centros sociosanitarios.

Reformas estruturais

A conselleira apuntou como cuarto e último piar do novo modelo as reformas estruturais para os centros xa existentes e os de nova construción, entre as que destaca a creación de unidades de convivencia. Ao respecto, detallou que as residencias en Galicia deberán contar, como máximo, con seis unidades deste tipo ou “minirresidencias”, de 25 prazas como tope cada unha. É dicir, un máximo de 150 prazas por centro.

Ademais, os usuarios deste módulos seleccionaranse polas súas preferencias persoais antes que polo seu grao de dependencia. As unidades estarán decoradas como o estaban os domicilios dos usuarios e reducirase ao mínimo a rotación de persoal entre eles para salvagardar a intimidade dos residentes e promover a confianza. O obxectivo, é que as residencias sexan verdadeiros fogares nos que se teña moi en conta a intimidade dos usuarios.

Nesta mesma liña, e para favorecer tamén a sectorización dos centros se fose necesario, un módulo non deberá servir de zona de paso a outro e todos eles deberán contar con acceso directo ás áreas comúns da residencia.

Así mesmo, e tendo en conta que nas residencias viven moitas persoas quen padecen deterioro cognitivo, poderán contar con áreas de psicoxeriatría. De feito, os sete centros públicos de atención integral ás persoas maiores que a Xunta impulsa co financiamento da Fundación Amancio Ortega prevén xa a creación deste tipo de servizos."


Precisamente agardamos que pronto podan comezar as obras do futuro centro integral público de atención ás persoas maiores da cidade de Ourense que se emprazará na parcela da vella estación de autobuses no Pino.
Unha nova infraestrutura, que financiará, construirá e equipara a Fundación Amancio Ortega, e achegará máis servizos ás persoas de máis idade. Suporá un investimento duns 12 millóns de euros e permitirá poñer á disposición das familias de Ourense 120 prazas públicas. 

Ademais, a súa posta en funcionamento traerá a creación de 110 postos de traballo no ámbito dos coidados, un sector en auxe e no que Galicia ten potencial para ser líder. A nova residencia, contará cun equipamento de vangarda e con servizos innovadores como as unidades psicoxeriátricas, especializadas na abordaxe do Alzhéimer e outras demencias.