jueves, 11 de noviembre de 2021

Presentado o anteproxecto do Gran Hotel Balneario Auria

 

Onte tivo lugar en Ourense o acto de presentación do anteproxecto do Gran Hotel Balneario Auria, que según o presidente da Deputación, Manuel Baltar antes de 2027 será unha realidade no Pazo Provincial.

Unha proposta que respectando o actual inmoble, construído a finais do século XIX e declarado Ben de Interese Cultural en 1975, transformará o uso administrativo do actual edificio nun establecemento hoteleiro de 5 estrelas cunha ampla oferta termal, a escasa distancia dun dos emblemas da cidade como As Burgas e na contorna da área comercial e o casco vello da cidade.

Informa a  Deputación na web que “no patio do Pazo Provincial onde o anteproxecto sitúa unha piscina termal de inspiración romana, representantes dos ámbitos institucionais, económicos, sociais e termais da provincia coñeceron os detalles dunha iniciativa "que é o resultado da captación termal protexida que realizamos neste lugar e que nos permitiu atopar un acuífero termal máis que suficiente -3 litros por segundo, a unha temperatura de 41,6 graos a 172 metros de profundidade e cun contido en sales minerais propio das augas termais de Ourense- para construír o que sen dúbida será un dos balnearios referentes de toda Europa", destacou o presidente provincial.

"Non hai en España nin Europa un territorio coa riqueza que posúe a provincia, con 15 concellos termais implicados nun plan de aproveitamento deste recurso que puxemos en marcha en 2014", sinalou Manuel Baltar, "pero botábamos en falta un balneario que estivera á altura dos 51 sitios de 18 nacións europeas con maior relevancia termal que forman parte da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa que presido".

Agora, engadiu, a Deputación "pon a disposición do desenvolvemento termal de Ourense nin máis nin menos que a súa sede, un legado que vai supoñer un elemento transformador da cidade e a provincia e unha iniciativa na que desde o minuto uno estiveron interesados inversores, cadeas internacionais e xestores de balnearios, xusto nun momento histórico coa sacudida competitiva que suporá a chegada da alta velocidade en decembro".

Un gran hotel, subliñou Manuel Baltar, que tamén renderá homenaxe "a un dos xigantes das nosas letras e emblema da cultura, Eduardo Blanco Amor, e a esa cidade ideal -Auria- na que o escritor ambientaba as súas obras e na que se pode recoñecer a Ourense". Un dos membros da xeración Nós, que no 2020 celebrou ou seu centenario e que foi precisamente a primeira en promover a construción dun gran hotel balneario na cidade das Burgas.

Un inmoble único no centro de Ourense

O redactor do anteproxecto e presidente do comité científico da asociación de cidades termais, Mario Crecente, foi o encargado de dar a coñecer os principais aspectos das futuras instalacións, facendo en primeiro lugar un percorrido pola historia do Pazo Provincial, concibido inicialmente como fábrica de fiaduras e que mudou ao longo do tempo os seus usos. No centro de Ourense, sinalou, "non existen case inmobles coa superficie, valor patrimonial e posibilidade de adaptación a un uso hoteleiro como o Pazo Provincial, converténdose nunha gran oportunidade para crear un referente hoteleiro e termal".

O propósito é construír un establecemento hoteleiro de 5 estrelas que complete a súa oferta cun uso termal, tanto para o público xeral como para os hóspedes, cubrindo os patios interiores con solucións tecnolóxicas e reversibles para protexer do sol o interior e captar enerxía. No patio norte situarase unha gran piscina cadrada, de inspiración romana rodeada por un circuíto balneario con bañeiras, saunas, cabinas de chorros e zonas para inhalación e descanso. O patio situado ao sur empregarase como espazo polivalente para acoller unha ampla variedade de eventos como presentacións, conferencias, concertos ou ser empregado a modo de terraza cuberta do restaurante e do hotel. A intervención busca tamén mellorar a eficiencia enerxética, aproveitando por exemplo a calor da captación termal, actuacións encamiñadas a acadar unha certificación de sustentabilidade.

Entre 52 e 71 habitacións

As habitacións disporanse nas plantas primeira e segunda, con seis tipos de aloxamentos (individual, dobre, dobre premium, suite, suite con spa, suite con dúas habitacións e spa), que superan os estándares da normativa autonómica. Valoráronse tres distintas opcións de distribución de 52 a 71 habitacións. As suites con spa complementan as súas prestacións coa posibilidade de realizar tratamentos con auga termal no propio cuarto, grazas á presenza dunha bañeira.

A planta baixa do hotel, na que se atopan os accesos e a recepción, conservará a disposición actual da biblioteca, mentres que na esquina situada ao carón do Centro Cultural Marcos Valcárcel situarase o bar, cunha temática pensada para a degustación e promoción dos viños das catro Denominacións de Orixe que ten a provincia. Con entrada independente, distinguiranse dous comedores, con capacidade para 70 persoas. Adicionalmente, poderíase dispoñer do patio sur, incrementando a capacidade total para eventos a máis de 170 persoas."

DIRECTO | Presentación del anteproyecto del Gran Hotel Balneario de Ourense - YouTube