A estratexia “Retorna 2020” facilitou que case 22.000 galegos do exterior retornaran a Galicia

 

Esta semana que termina no Consello da Xunta falouse  de que  destinou máis de 20M€ en medidas específicas e outros 500M€ en distintas liñas transversais a través da Estratexia Retorna de 2020, coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración, que facilitou que case 22.000 persoas integradas nunha familia galega retornada, puideran regresar a Galicia, aos cales habería que sumar os datos do 2021.

A Estratexia Retorna aprobouse en 2018 con tres ideas básicas, o dereito dos galegos a retornar, o impulso á demografía da comunidade autónoma e a mellora da nosa competitividade económica. O obxectivo era axudar a conseguir o retorno de 20.000 galegos, unha cifra que se superou con creces, e que, de non ser pola pandemia da COVID-19 sería moito maior.

Precisamente, foi a crise sanitaria a causa que motivou a necesidade de prorrogar a Estratexia ao longo de 2021, e a se está a traballar na nova estratexia 22-25 que vai impulsar novas liñas baseándose nos resultados conseguidos e na experiencia adquirida.

O balance da Estratexia Retorna 2020 recolle a posta en marcha de 52 medidas, directas e transversais, que se ampliaron ata as 64, e que axudaron a que os galegos que residían no exterior tomaran a decisión de retornar, ben para estudar ou buscar un emprego, ou ben para poñer en marcha en Galicia o seu propio negocio.

Estas medidas facilitaron o crecemento da poboación da comunidade autónoma e un saldo migratorio positivo en 2019 de máis de 17.000 persoas. Tamén permitiu o seu rexuvenecemento, con máis de 12.700 retornados de menos de 45 anos, é dicir, o 58,70% do total.

En 2020, a idade media do conxunto de persoas que chegaron a Galicia para fixar a súa residencia foi de 36,9 anos. Na mesma liña se manifestaron os datos educativos con máis de 10.000 alumnos procedentes do estranxeiro que forman parte dunha familia retornada que ingresaron no sistema educativo galego.

Entre os datos extractados deste balance cabe destacar que se creou unha única canle de información e asesoramento dixital, pioneira en España, o Portal Retorna, que superou xa as 100.000 visitas, así como a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, descentralizada nas catro provincias, desde da cal xa se fixo o seguimento personalizado a máis de 6.500 familias.

Dentro das medidas directas postas en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración cabe aportar que se destinaron 4,6 millóns de euros ás familias retornadas para o seu proceso de integración en Galicia, colaborando así con 6.187 persoas, das cales, o 35% contaban con fillos menores de idade, ás cales habería que engadir outros 2,2M€ en 2021.

Destináronse tamén 3 millóns de euros para apoiar a 500 emprendedores retornados no impulso do seu negocio, o que mobilizou un investimento de 25 millóns de euros que repercutiu sobre a economía galega.

No período 2018/2020 ofertáronse 700 bolsas formativas para que as mozas e mozos galegos residentes no exterior puideran estudar un mestrado ou un ciclo de formación profesional superior, aos que se destinaron 6M€. Se temos en conta o ano 2021, o orzamento destinado a estas axudas ascendeu a case 8 millóns de euros, incrementándose a oferta ate as 900 prazas.

Da análise da situación dos alumnos participantes nas primeiras convocatorias podemos afirmar que máis do 70% están a residir e traballar en Galicia.

A Estratexia Retorna 2020 ten coma obxectivo loitar contra o reto demográfico, un problema non só galego senón tamén europeo. O apoio ao regreso dos galegos o exterior e dos seus descendentes permite rexuvenecer a sociedade galega, dotala de experiencias enriquecedoras e potenciar as iniciativas empresarias e económicas de Galicia, traballando así por conseguir unha vantaxe competitiva da nosa comunidade.

Con la tecnología de Blogger.