As actuacións en materia de infraestruturas viarias reciben a partida orzamentaria máis elevada, cun investimento de máis de 39,3 millóns de euros.
Estas cifras permitirán acometer actuacións para fomentar a mobilidade sostible e segura a través da execución de sendas en estradas autonómicas ao seu paso por concellos como Ourense, O Pereiro de Aguiar ou Muíños.
Nesta liña de mellora da accesibilidade e da mobilidade sostible nas contornas urbanas, os orzamentos recollen un investimento de 710.000 euros destinado a sendas e aparcadoiros disuasorios, aproveitando os fondos europeos de recuperación.
As contas tamén prevén intervencións de seguridade viaria en estradas como a OU-540 en Barbadás, cunha partida de 0,66 millóns de euros; ou na OU-402 na Arnoia (0,35 M€) Ademais, continuarán os acondicionamentos como o que está executando a Xunta na estrada OU-105 en Seixalbo (0,26 M€).
A Xunta continuará avanzando o vindeiro ano no proxecto construtivo da Rolda Leste de Ourense, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a N-525, que suporá pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52. A partida recollida nos Orzamentos de 2022 ascende a 250.000 euros, que permitirá avanzar no proxecto, cunha previsión plurianual de investimento nesta actuación de 6,75 millóns de euros.
Os Orzamentos da Consellería para 2022 tamén reservan 1,5 M€ para impulsar o acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa e a mellora da estrada OU-533, entre Valdeorras e a estación do AVE e a A-52 na Gudiña, unha vez que os criterios impostos polo Goberno de España para o reparto dos fondos Next Generation de Mobilidade impiden avanzar, con maior intensidade nestas actuacións, ao primar os investimentos nos concellos de máis de 50.000 habitantes. As previsións plurianuais de investimento recollidas nos Orzamentos de 2022 para avanzar nestas dúas actuacións acadan os 19,5 M€.
Os Orzamentos inclúen as partidas necesarias para proseguir o impulso das accións en materia de posta en valor e mellora da iluminación de pontes, estruturas que son símbolos de identidade en Ourense (0,5 M€).
O Goberno galego reserva máis de 6,6 millóns de euros dirixidos ás obras de conservación, vialidade invernal ou mellora de firmes nas estradas autonómicas da provincia, para actuacións en estradas como a OU-104, a OU-103 e a OU-101 en Maceda.
O vindeiro ano, o departamento que dirixe Ethel Vázquez tamén executará actuacións no ámbito das infraestruturas sanitarias, cuxos investimentos figuran nos Orzamentos da Consellería de Sanidade. Así, a Consellería de Infraestruturas avanzará no Plan director do Hospital de Ourense, para o que se consignan 21,8 millóns de euros, ou no Centro Integral de Saúde da cidade, cunha partida en 2022 de 3,2 millóns. Ademais, executaranse as melloras nos accesos aos hospitais da área sanitaria da provincia, cun investimento de 450.000 euros.